«Se o Dick adulto era como era, seguro que si tería esas psicoses na xuventude»

PONTEVEDRA

Oscar Vazquez

Por primeira vez, a única novela fora da ciencia-ficción de Philip K. Dick foi traducida ao galego

08 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Philip K. Dick é un dos grandes nomes da ciencia-ficción. De feito, da súa prolífica carreira so unha novela, Confesións dun artista de merda, alonxase deste xénero. Agora, da man da editorial pontevedresa Kalandraka, acaba de ser traducida ao galego por primeira vez. «Sentín curiosidade porque xa traducira antes Soñan os androides con ovellas eléctricas e contaba que o seguinte encargo fora outra obra de ciencia-ficción, pero non. Encargáronme algo totalmente inusual en Dick, unha novela costumista da California dos anos 50. Primeiro, foi unha sorpresa e, logo, púxenme a traducir con moitísimo gusto», recoñece Fernando Moreiras, tradutor da obra.

-Que foi o más difícil?

-O máis complicado, e é algo que xa me pasou con outros autores deste estilo, é tentar transmitir ese espírito, neste caso, de hai setenta anos a un público actual. Hai moitos conceptos que son descoñecidos, tanto porque pertencen á cultura estadounidense, como porque son doutra época. Ademais de que o contacto cultural que houbo nos 50 entre España e Estados Unidos foi moi limitado. Cando Dick emprega unha expresión ou un referente cultural que probablemente sexa opaco para o 99 % dos lectores galegos, tes que buscar o xeito, tes que darlle voltas, tes que mirar a maneira de explicalo sen que se perda que é un referente cultural. Persoalmente, son bastante inimigo das notas de autor porque me parecen que rompen a fluidez da lectura, polo que sempre tento buscar o xeito de que a aclaración dun referente cultural alleo a nós quede integrada dentro da lectura. Nas de ciencia-ficción, como todo e novo, todo ven explicado na propia novela, pero nestes casos o autor presupón que é algo que coñeces. Entón tira para adiante, pero o tradutor non pode facelo porque quedan mensaxes rotas no texto.

-Estamos nun tempo no que o coronavirus deu pe a moitas teorías conspiratorias e curiosamente o protagonista gusta de recompilalas?

-Si. É curioso porque, aínda que pasaron setenta anos, o protagonista é alguén que no ano 2020 está de plena actualidade. Pero xa non so polas teorías conspiratorias do coronavirus, senón por cousas como o terraplanismo, os antivacinas... Esas tendencias contra ciencia, pero que tentan basearse nun discurso científico, que é o que fai este home, están de plena actualidade. É algo que, por un lado, fai graza, pero, por outro, mete medo.

-Como definiría esta obra dentro do contexto artístico de Philip K. Dick?

-Aínda que non teña ningún elemento de evidencia científica, fora do que hai na imaxinación do protagonista, nótase que o autor tiraba xa cara unha clase concreta de escritura. É dicir. Isto non é un futuro terrible onde todo o mundo é raro e disfuncional. Aínda que é un pasado real, os personaxes teñen actitudes moi semellantes ás que teñen noutras novelas de Dick. Poden atoparse, mesmo, algúns paralelismos. El tiña o seu estilo e, simplemente, chegado o momento acabou dando un xiro, deixou a ciencia-ficción, pero o seu estilo xa o traía na mochila. En Confesións dun artista de merda, aínda que non ten que ver coas temáticas ás que estamos afeitos do autor, podemos recoñecer o seu estilo. É claramente unha novela de Dick con personaxes de Dick.

-A vida de Dick foi complicada, trasladase iso a esta novela?

-Non sabería dicir porque non coñezo tanto a mocidade de Dick. Na novela céntrase moito na infancia e mocidade do personaxe. Case todos coñecemos a vida, que foi moi turbulenta, do Dick adulto. Se o Dick adulto era como era, seguramente si que tería esas psicoses na xuventude. Pero é que na xenialidade adoita haber un toque de loucura.

-Ao marxe de Dick, que outro autor e obra de ciencia-ficción gustaríalle traducir?

-Encantaríame traducir Hyperion, de Dan Simmons. Para min é a mellor novela de ciencia-ficción de todos os tempos. O que pasa é que non é un autor tan coñecido, polo que traducilo ao galego, que é un mercado máis restrinxido ten os seus riscos. Bueno. Digo que Dan Simmons é pouco coñecido, pero agora que fixeron unha serie dunha das súas novelas, The Terror, e que están pensando en producir Hyperion tamén como serie de televisión, pois igual cambian as tornas. Está é unha novela do ano 1992 e xa lle ía tocando que lle fixeran un pouco de caso, pero o que pasa é que unha obra moi complexa. O problema é que, ademais, toca temas polémicos e é un risco para as cadeas. A pesar disto, Simmons é un autor moi meritorio.