«O teatro vai seguir existindo dunha maneira moi parecida»

Alfredo López Penide
López Penide PONEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

SANDRA ALONSO

Xesús Ron aborda a creación de «Citizen», premiado na categoría de teatro na Gala do Libro en Galego 2020

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Por terceiro ano consecutivo, o Grupo Chévere recibe o premio na categoría de teatro, nesta ocasión con Citizen. «A verdade é que non estábamos moi confiados porque, practicamente, todos os títulos da Biblioteca de Teatro de Kalandraka recibiron un premio -apunta Xesús Ron, un dos integrantes da compañía-. Cada un que recibes é unha alegría maior porque consideras que cada vez é máis difícil obtelo e, ademais, chegar nun momento de moita incerteza. Estamos na casa, todo o traballo caeu e ata dentro de catro meses, seguramente, non poderemos volver a traballar polo que recibilo agora da un pouco de subidón, permite gañar confianza e coller folgos para seguir traballando de cara ao futuro».

-Polo que teño entendido esta obra forma parte dun proxecto multidisciplinar. É así?

-Citizen nos escenarios é unha obra que estreamos vai facer dez anos. Era unha triloxía, unha obra que se foi facendo por episodios e logo ensamblámolos os tres episodios e fixemos a obra completa. Tiña unha parte teatral, na que se facían moitas proxeccións en vídeo, os actores manipulaban cámaras en directo e proxectaban. Outra parte facíase a través de Internet e, de feito, incorporábamos a unha persoa que estaba na súa casa e os espectadores non podían ver e que facía un diálogo cos actores. É unha obra onde traballamos cunha coreógrafa, tiña unha parte moi física, non era baile. Era multimedia polo tipo de recursos que se empregaban en escena. É foi unha dificultade pasalo a papel e transmitilo a escrito, pero creo que se conseguiu.

-Como foi esa evolución do escenario a un libro?

-É unha obra que hai moito tempo que non representamos. Para nós o importante, no caso da colección, é manter a vixencia do teatro, que é unha arte efémera. É unha obra que quizais nunca máis se vai volver nun escenario, pero o libro permítenos volver a ela. O teatro que fai Chévere se basea moito no inmediato, nese directo e os libros e esta colección permítennos que un público que chegou tarde ou que non puido ver a obra no seu momento poida chegar a ela doutra maneira.

-Fala da actualidade e a nosa pasa por estar pechados nas casas, que supón isto para un artista do mundo do teatro?

-É unha situación antinatural, porque no teatro facemos un traballo no que estamos xuntos, traballamos colectivamente, sobre todo no caso de Chévere, que se basea moito na interacción, na relación social... O teatro é unha arte do encontro. E se non hai público, se non se produce o encontro entre o público e a obra é imposible que exista. Estamos nunha situación especialmente delicada e comprometida, aínda que estamos confiados en que o teatro vai seguir existindo dunha maneira moi parecida a come veu existindo ata agora.