«Literariamente, a poesía é un trallazo, un fogonazo»

Olgo Novo, con «Feliz Idade», gañou na categoría de poesía na Gala do Libro en Galego 2020


Recoñece que, nada máis coñecer que o seu poemario Feliz Idade fora premiado polo xurado da Gala do Libro en Galego 2020, sentiuse «moi honrada, moi agradecida porque era finalista con outras dúas escritoras ás que admiro moito e que, por suposto, eran igual de merecedoras do premio como o poderían ser outros moitos autores. Non deixa de ser unha óptica relativa e, por suposto, subxectiva. Foi unha alegría neste momento tan estraño e tan delicado para o eido cultural. Que estes premios se manteñan aínda que agora non se poida facer a gala pon de manifesto que o tecido cultural continua dalgunha maneira e aínda que sexa a distancia», sinala Olga Novo.

-Podería considerarse «Feliz Idade» como unha mestura de experiencias vitais e vivencias do mundo rural?

-Si, aínda que o mundo rural tamén é experiencia vital. Son dunha pequena aldea do interior de Lugo, onde me criei e onde estou neste preciso momento. É un libro da madurez e no que conflúen dúas experiencias vitais moi importantes para min, pero tamén para calquera persoa, como son a experiencia da maternidade e a experiencia de ver o final da vida dun pai e a súa desaparición. Na base de todo o libro está a confluencia de estas dúas experiencias e o título da obra fai referencia á felicidade como experiencia. O cruzamento de dúas vidas, a da que nena que nace, os seus primeiros anos de vida e o encontro co seu avó, que xa está enfermo. Hai un momento das súas vidas no que poden gozar un do outro, incluso, mediante o xogo. O meu pai sufriu a enfermidade de alzheimer e nesa regresión, digamos, tivo momentos de volver a ser un neno e de xogar.

-Creo que nun momento como o que estamos a vivir a poesía é máis necesaria que nunca.

-Sempre o é, pero en momentos así a literatura é un refuxio e a poesía é a máxima expresión da beleza. Literariamente, a poesía é un trallazo, un fogonazo. É unha beleza que salva, unha beleza que cura, un refuxio e unha maneira de ver o mundo diferente. É unha mirada do mundo que exalta o bo, o fermoso e neste momento, por suposto, é máis necesaria que nunca.

-E durante o confinamento, hai más tempo para crear ou é todo o contrario?

-É todo o contrario. Eu son profesora e a carga de traballo triplicouse. Aínda que sexa telemáticamente, hai que atender aos alumnos individualmente, un por un, polo que no meu caso todo o traballo multiplicouse por tres. Ademais disto, a situación é tamén triste no sentido de que non podes ver aos teus estudantes. E é algo que voto moito de menos. A verdade é que non teño moito tempo para a inspiración nestes momentos, aínda que intento compatibilizalo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Literariamente, a poesía é un trallazo, un fogonazo»