O mestre que descubriu a alegría de educar

Cuevas fixo do Olimpic un referente do taekuondo na súa contorna, e un camiño de maduración


vilagarcía / La Voz

O momento que nos está a tocar vivir ofrece unha extraordinaria oportunidade para pararnos, e aproveitar a conxelación da sociedade frenética e irreflexiva do noso tempo para facer balance. Para recordar de onde vimos, comprender onde estamos, e quizais sorprendernos do peso en ouro que sostemos entre as mans. É o caso de Miguel Ángel Cuevas Feijoo, que mentres fala connosco atópase mirando, meses arriba, meses abaixo, vinte anos atrás na procura do inicio do Gimnasio Club Olimpic. Pouco máis da metade do camiño que leva feito no taekuondo, a súa paixón; o prisma desde o que enfoca a vida.

«Comecei practicar taekuondo con 13 anos no ximnasio Benjai. Parece un grito de arte marcial, pero era o nome dos seus dous socios, Benjamín e Jaime». Xa fose por un talento natural para o márketing ou xa fose porque, lembra Cuevas, «era o ximnasio de artes marciais -taekuondo e judo- que había en Vilagarcía», o certo é que o Benjai tiña tirón. «Fun ver a un amigo que se apuntara, e encantoume. Meus pais non me deixaban, non me deixaban. Ata que o conseguín». E sen sabelo, con 13 anos aquel neno atopou o seu compás para moverse polo mundo.

Entre o judo e o taekuondo, Miguel Ángel quedou co último «porque me gustaba máis pelexar separado. Empecei cun profesor coreano», cuxo nome segue a ser quen de pronunciar, pero non soletrear para poder transcribilo máis aló do Cho co que comeza. Claro que todo o mundo o coñecía polo seu alcume: «Chamábanlle Kamikaze. Era cinto negro 5.º DAN, e fora instrutor do Exército americano en Vietnam». Referencias para botar a correr en sentido contrario. O engano das aparencias: «Cho ensinoume moitísimas cousas. A adestrar, e a educarme. Educábanos! Educábanos! Dábanos uns valores incribles! Valores humanos», exclama o vilagarcián. Valores que hoxe, di o adestrador nacional titulado desde o 2001, «trato de inculcarlles aos meus alumnos».

Pupilo avantaxado do formador coreano, este comezou a poñer en mans de Miguel Ángel parte das súas clases. Tocou entón cumprir co servizo militar. Á volta, xa con Cho emigrado, comezou exercer de profesor. E ao pouco, «negociei co propietario e quedei co ximnasio», xa daquela limitado ao taekuondo, co judo iniciando o seu camiño por outro lado na capital arousá.

«Comecei cos amigos que tiña, máis novos ca min», relata Cuevas, «20 rapaces, os que xa estaban comigo. Saquei o ximnasio adiante coa axuda de meu pai, que me axudou moitísimo, moitísimo. Todo o que teño débollelo a meu pai e miña nai. Con 20 alumnos non daba para saír adiante». Unha circunstancia que obrigou o noso rostro do deporte a poñer prematuramente punto final a unha prometedora carreira como campión galego júnior de combate (-58 quilogramos) e de técnica, pero que lle acabaría regalando a maior obra da súa vida, esa que todo docente aspira legar á sociedade. No seu caso, un ximnasio e un club que hoxe se move preto dos 200 taekuondistas, e que chegou a contar con 300, coa cada vez maior oferta deportiva en Vilagarcía detrás da baixada das cifras, sinala Cuevas.

Rico palmarés

Nos primeiros anos do ximnasio cedía os seus mellores deportistas a outro club para que competisen. Pero co cambio de século «eu tiña cada vez máis rapaces». Esa realidade, e o xurdimento dos que foron os dous maiores talentos da súa canteira, a caldense Lúa Piñeiro e o vilagarcián Raúl Bouzas, levaron o mestre a constituír o Gimnasio Club Olimpic. Ambos chegaron a campións de Europa de combate, Bouzas abrindo hai dez anos o palmarés do seu peso na primeira edición do Campionato de Europa Sub-21, celebrado en Vigo, e Lúa coqueteando ademais coa clasificación olímpica. Cuevas acórdase tamén doutros grandes deportistas xurdidos do club: Gabriel Moral, Francisco Padín, Benigno Fernández e Sandra Bouzas, todos campións de España. Tamén de Óscar Aragunde, que «leva toda a miña vida comigo, a miña man dereita», e da súa propia muller, Margarita Rodríguez. Recorda o longo e brillante palmarés por equipos do Olimpic en todas as modalidades do taekuondo, con éxitos mesmo a nivel internacional, co título de campión absoluto do mundo de exhibición do 2013 como a maior experiencia da súa traxectoria: «En Marina de Carraro, unha reunión de todas as modalidades de artes marciais que poidas imaxinar. Foi unha semana con cinco grandes pavillóns cheos de tatamis. Para a gran final seleccionaron só dez equipos entre todas as artes marciais. Saímos, e démolo todo. E gañamos!».

Momentos de gloria imborrables que Miguel Ángel relé mentres escribe do seu puño e letra un capítulo moi afastado do estilo dos seus primeiros anos de prosa. «Cando era máis novo preocupábame moito dos resultados, dos metais dos rapaces. Agora preocúpame máis axudar a educalos». Un cambio que, cre, se debe «a que me fago maior, e teño fillos». Nun momento no que é habitual a presenza de rapaces con necesidades especiais entre o seu alumnado, «conseguir atopar o problema dun neno e axudalo é o que me fai estar contento e satisfeito».

O camiño do taekuondo acabou levando a Cuevas a aprender a gozar da recompensa que todo mestre vocacional obtén da pura entrega á educación do alumno. Quen sabe se a mesma sensación que o coreano Cho levou consigo ao despedirse do seu pupilo máis avantaxado no tatami do Benjai.

Persoal

Miguel Ángel Cuevas Feijoo (Vilagarcía de Arousa, 1-IX-1969) iniciouse no taekuondo con 13 anos, un deporte que converteu no seu modo de vida á fronte da xestión do seu ximnasio.

Traxectoria deportiva Cinto Negro 6.º DAN, Cuevas foi no seu día campión galego júnior de combate en -58 quilos e de técnica. Como adestrador, máis aló do seu club, foi seleccionador autonómico de combate júnior, e de técnica, e elixido mellor técnico de Galicia do 2006.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O mestre que descubriu a alegría de educar