Contos para soñar e música para rir

La Voz

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

12 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os centros escolares da contorna continúan a gozar en grupos reducidos dunha programación específica deseñada para eles no Salón do Libro en horario matinal. Xa pola tarde desenvolverase hoxe unha ampla programación para adolescentes e cativos aberta ao público en xeral.

Italia estará hoxe especialmente presente na programación de tarde. «Teste fiorite, fiori di carta per Rodari» é o título do obradoiro artístico no que as crianzas poderán deseñar flores, nunha actividade coordinada pola asociación Mater Lingua (ás 17.15 horas). É unha actividade pensada para nenos de 4 a 10 anos.

Tamén a gastronomía italiana recalará hoxe no Salón do Libro cun obradoiro no que os cativos de ata 10 anos de idade aprenderán a facer unha pizza (ás 17.15 horas). Faranas en forma de corazón para amosar o amor polo país convidado ao Salón.

Un achegamento ao idioma a través dunha charla é outra das propostas de hoxe (ás 18 horas). Mergullarse e practicar a lingua italiana é a proposta deste obradoiro organizado por Mater Lingua e dirixido a un público adulto. Frases e expresións propias serán a escusa para afondar no coñecemento da lingua e para convidar á participación activa do que pretende ser un diálogo lúdico.

Contos para rir e soñar, para xogar, para vivilos e compartilos é o sentido de «Contos arregalados» (ás 18.15 horas). Pavís Pavós engaiolará a nenos e adultos cun novo espectáculo de contacontos, no que de certo non ha de faltar a fantasía, o inesperable e o humor.

Hoxe tamén haberá música para sorrir, cun concerto do coro infantil do Conservatorio Manuel Quiroga (ás 19 horas).

A xornada de hoxe pecha no Teatro Principal cunha obra de teatro, para ir ver pero tamén para pensar. «Vida de cans», de Talía Teatro, subirá ao escenario a tres cans ou a tres actores que fan de cans recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo.