O Salón traerá un mundo de actividades

La Voz

PONTEVEDRA

S.B.

Có humor como eixo e Italia como país convidado, o programa inclúe preto de trescentas citas para todos os públicos

01 mar 2020 . Actualizado a las 21:00 h.

O Salón do Libro xa prende motores. Esta mesma tarde, unha conferencia do pedagogo Francesco Tonucci -¿Por que a infancia?, 19.30 horas, Pazo da Cultura- adiantarase á apertura do Salón, que vaise desenvolver entre o 6 e o 28 de marzo.

A concelleira de Cultura Carme Fouces presentou onte a programación, destacando o feito de alcanzar a edición número 21 e a dificultade para artellar unha programación que chega as trescentas actividades para todos os públicos, dende os escolares aos familiares, pasando polos espectáculos teatrais para adultos ou os de bebés, que este ano multiplican os seus pases.

Con ánimo de achegarse e incorporar as novas tecnoloxías este ano estará no Salón o Museo de Videoxogos de Cangas cunha exposición específica de distintos dispositivos e consolas para afondar na historia dos videoxogos e a súa relación co libro e a lectura.

Fouces recordou que «o humor como tema central do Salón deu xogo para unha programación moi xeitosa de música, teatro, contacontos, monicreques, circo, clown, maxia, arte, ilustración, escrita... sen perder de vista un eixo fundamental para nós, o efecto PO2, o medio ambiente e o futuro do Planeta». Sinalou que «con humor tamén podemos axudar a salvar o mundo».

Tamén aludiu a que o Salón acollerá a estrea de espectáculos coma Ris Ras, de BaoBab, Fantoches Baj sobre o monicrequeiro pontevedrés Tafall ou a creación exclusiva para o evento de Súper Seria”, de María Lado e Lucía Aldao co Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra.

Falando de música, Fouces apuntou que «será un dos puntos fortes desta edición, desde o espectáculo inicial dirixido por Marcelo Dobode ata a clausura de man do Rock Lab, pasando por un musical en galego, a primeira adaptación en galego de Os Miserables, unha proposta que vén de recibir distintos premios». E tratándose dun Salón dedicado ao humor, no eido musical non podía faltar o grupo galego De Vacas, que chagará ao Pazo da Cultura coa súa Tour Vacanal 2020».

Biblioteca

Pero aínda que haxa espectáculos e actividades de todo tipo, a razón de ser do Salón é a literatura, e nesta edición haberá preto de 1.500 libros repartidos en distintos espazos do Salón, que ampliou a súa biblioteca con novas adquisicións de libros e préstamos e doazóns de institucións como a Biblioteca Pública de Pontevedra e o Instituto Dante Alighieri de Vigo, de recente creación, que fará o préstamo dos mellores libros infantís e xuvenís italianos da actualidade.

Porque non hai que esquecer que este ano o país convidado ao Salón e Italia. Neste senso, participará o contacontos italiano afincado en España Simone Negrin, que achegará a variedade contística e teatral do sur de Italia. Haberá unha especial mención a Gianni Rodari, escritor e pedagogo italiano que revolucionou a maneira de entender os contos e a literatura infantil, que neste ano celebra o centenario do seu nacemento.

Haberá tamén talleres de plástica e actividades arredor da obra de Adela Turín ou Italo Calvino. E, segundo anunciou Carme Fouces, se contará coa colaboración especial «de familias italianas que viven en Pontevedra e que a través da Asociación Mater Lingua farán contacontos, talleres de cociña, propostas plásticas, actividades musicais e degustacións gastronómicas. Fainos especial ilusión esta parte da programación, xa que van ser os nosos propios veciños e veciñas quen nos acheguen a lingua, cultura e gastronomía italiana».

Haberá un roteiro polos restaurantes de comida italiana de Pontevedra, e a Cantina do Pazo ofrecerá especialidades desta mesma cociña.

Homenaxeados

En canto a autores, este ano serán homenaxeados polo Salón Kiko da Silva e Helena Villar Janeiro. E pasarán polo Pazo, para presentar obras ou participar en actividades, Luís Davila, Miguelanxo Prado, Ledicia Costas, Víctor Rivas, Jordi Sierra, Susana Aríns ou Manuel Lourenzo, entre outros.

En canto as exposicións, Fouces destacou unha retrospectiva da obra infantil e de humor gráfico de Kiko da Silva, ilustracións de Victor Rivas, de Abi Castillo, de Miguel Anxo Prado ou unha proposta sobre a Banda Deseñada Galega, cedida pola Deputación de Pontevedra.