Discurso de Rosario Álvarez

La Voz

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

20 ene 2020 . Actualizado a las 19:17 h.

Permítanme que saúde en primeiro lugar ás persoas que nos acompañan neste acto e o arrequentan co seu afecto. Un saúdo especial, ademais, aos membros da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, personalizados en Lola Dopico, cos que é un orgullo compartir o día de hoxe: parabéns. E aos que non tiveron a fortuna de ser premiados nesta ocasión, consciente de que recaen sobre eles grandes méritos que con toda xustiza puideran facer inclinar a balanza de

Temis ao seu favor.

As miñas palabras serán de principio a fin palabras de agradecemento. Comezo polos propoñentes da miña candidatura: sen o cariño con que xulgaron os meus méritos eu non estaría hoxe aquí. A eles engado todas as persoas que, nesa andaina, fixeron posible este día feliz.

E a todas as que, ao longo da miña vida, puxeron vento nas miñas velas. Sen todas en conxunto e sen cada unha delas en particular a miña travesía vital sería sen dúbida diferente. Moitas están aquí presentes, fisicamente; todas están comigo dalgún xeito, porque sempre as lembro e as levo canda min.

A miña familia, e saliento en especial a tribo dos Blanco, unha rede de afectos firme e segura; e a miña familia máis próxima, os que hoxe me apoian máis de preto, sempre a base de renuncias por parte deles.

Os amigos e as amigas. Comezo polos pontevedreses, que foron ese tecido humano espléndido no que medrei afectivamente na adolescencia e mocidade, e que seguen estando aí, que están hoxe aquí comigo; creo que todos os lámbricos (así nos chamamos) somos conscientes do privilexio de seguir téndonos medio século despois. E as miñas marabillosas compañeiras de instituto, coas que é un pracer seguir en contacto, xuntarse alomenos unha vez ao ano, e que tamén están aquí hoxe. E remato cos amigos feitos en Compostela, tamén presentes, cos que me unen vínculos que van moito máis alá da amizade.

Os meus mestres, desde a miña escola na Ferrería, pasando polo meu Instituto de Pontevedra (sempre gabado: non podo concibir outro mellor) e chegando á Universidade, sobre todo no seo do Instituto da Lingua Galega, onde tiven e teño a oportunidade de aprender dos mellores, humana e cientificamente, tamén dos que forman parte de xeracións posteriores á miña. E os meus alumnos e alumnas de tantas promocións, dos que recibín tanto estímulo e afecto, e sobre todo o convencemento de que Galicia ten o privilexio dunha mocidade extraordinaria que merece o noso apoio e a nosa confianza.

E, por non cansar con máis, sobre todo, a Pontevedra, á vila de Pontevedra, á Boa Vila. No meu discurso de ingreso na Real Academia Galega, no Paraninfo da Universidade de Santiago, alá por xuño de 2003, eu dicía: Sei canto debo a Compostela, á súa universidade, á cidade en que empatan tódolos camiños, ós amigos convertidos en irmáns..., pero non por iso esquezo que, no principio, estivo Pontevedra. Unha familia excepcional, os mellores e máis fieis amigos, os mellores e máis entregados mestres...: a profesora Berta, don Marcelino, don Xesús, María Victoria... E a vila, a Boa Vila. Penso en Pontevedra e agallopan ducias de paisaxes urbanas á cabeza: a Fonte dos Tornos, a praza do Pan e o club Lámbrica, a Gran Vía coa cruz ó fondo onde agardabamos polo solpor, a Ferrería coa miña escola sobre o Carabela, San Bartolomeu... Unha vila cun secular amor pola cultura, do que son testemuño o Museo, os seus Institutos e as Escolas Normais, a espléndida Biblioteca Pública, as súas galerías e salas de exposición, o Ateneo, o Casino e o Mercantil, os teatros, o Conservatorio, o Cine-Club, as agrupacións musicais, as súas moitas festas tradicionais...

Perdoen a autocita, mais quería mostrar que eu son ben consciente, desde hai tempo, das miñas raíces pontevedresas e da pegada que elas deixaron en min, na miña personalidade e na miña identidade, na miña maneira de estar no mundo e, en definitiva, en todo canto dei feito ata aquí:

Porque nacín e me criei na Fonte dos Tornos, naquel microcosmos veciñal de artesáns e comerciantes, na mesma casa onde naceu meu pai e onde a miña avoa Rosario puxo taller de xastra nos inicios do século XX.

Porque no meu mapa mental están as prazas (do Pan, da Verdura, dos Polos, da Leña, da Pedreira...), as rúas todas da cidade vella cos seus artesáns, e os paseos infantís das tardes de domingo, con bo tempo, desde a ponte do Burgo polas Corbaceiras ata a Moureira, a pousar un pouco onda a Digna ou a Racha, para logo volver por san Roque e a Alameda. Porque visito seguido, cos ollos da memoria, sen esforzo, a procesión do corpus, avanzando coa custodia, con todos os santos patróns dos oficios bailando e cos mareantes como personaxes principais; ou as subidas a San Cibrán o luns de pascua e a romaría de san Benitiño nas ribeiras do Lérez; os ritos do entroido ou os de maio, e as batallas de flores e as madamas de agosto, ou a batalla naval que poñía remate ás festas da Peregrina.

Porque medrei en Pontevedra cando aínda se contaban historias e lendas de vellos mariños e de fuxidos polo monte, ou do urco que andaba polos túneles subterráneos; e entrabamos no museo algunhas mañás de chuvia, ao saír da misa de 11,30 en San Bartolomeu, para imaxinar que navegabamos na Numancia, movendo a lámpada do camarote. E por iso, cando quedei a traballar en Santiago, eu tiña comigo o meu fardelo: historias de pestes (con San Sebastián, San Xulián e San Roque), de bandidos (coma aqueles que roubaran a lámpada de vidro da Peregrina, que logo brillaba no foxo do monte coa luz da lúa), de cans do inferno que ouveaban pola noite cando os da Moureira deixaban atrás as portas da vila, de demos que toman as rúas o 23 de agosto... Tiña raíces: fondas raíces na cultura tradicional galega, raíces pontevedresas, e axiña puiden comprobar que poucos lugares podían dalas tan fondas, tan firmes, tan diversas e tan orixinais.

De aí nace o meu amor pola cultura popular e pola lingua da xente, o meu interese e dedicación ao patrimonio inmaterial, sobre todo lingüístico, como creación colectiva de milleiros de homes e mulleres, anónimos, ao longo da historia. E sempre me acompañaron Frei Martín Sarmiento e Juan Manuel Pintos, dous referentes: confeso que a miña devoción por eles tamén se debe o meu orgullo como pontevedresa e a sentir que, dalgún xeito, formo parte, aínda que sexa con luz pálida, da mesma compaña

intelectual destes devanceiros.

Por iso, de novo, grazas a cantos me trouxeron aquí, a cantos representades o tecido humano vivo e actuante da Boa Vila e a todos e todas os que, desde a gobernanza ou desde a base social, facedes que Pontevedra inicie o século XXI sendo un referente incuestionable a nivel internacional. É un privilexio recibir este premio co voso alento e das vosas mans. Beizón.