Discurso del alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores

La Voz

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

20 ene 2020 . Actualizado a las 19:17 h.

Grazas por acompañarnos nesta sesión de honra na que facemos entrega dos Premios Cidade de Pontevedra. Unhas distincións que son á vez recoñecemento el gradecemento, porque ao tempo que recoñecemos traxectorias singulares que nos proxectan como pontevedresas e pontevedreses, tamén queremos que este acto sirva para agraceder a contribución que as propostas gañadoras achegan á nosa sociedade e que nos fan avanzar colectivamente.

Quixera facer extensivo este agradecemento a toda a rede que se tece ao redor destes Premios. Ás entidades e asociacións que se se involucran para propoñer candidaturas, radiografando as traxectorias máis significativas da nosa contorna, e que nesta edición foron a Asociación Cultural Maio Longo, o Ateneo de Pontevedra, a Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galiza e o Colexio de Procuradores de Pontevedra. Ás e aos membros do xurado, que aceptan a responsabilidade e a sempre incómoda pero inevitable tesitura de ter que escoller entre propostas sempre válidas e valiosas. Aproveito aquí para felicitar ás outras dúas candidaturas propostas, ademais das gañadoras, como foron a de José Portela Leirós, ex decano do Colexio de Procuradores de Pontevedra, e a Fundación Amigos de Galiza: parabéns, as vosas traxectorias tamén nos enorgullecen e nos engrandecen como pontevedreses e pontevedresas.

O xurado acordou premiar, na modalidade individual, a traxectoria de Rosario Álvarez, unha muller pontevedresa que tomando como punto de partida a Fonte dos Tornos foi quen de ir abrindo un camiño de estudo, investigación e docencia ao redor do idioma galego que rematou, polo momento, na presidencia do Consello da Cultura Galega. Rosario Álvarez é, ademais, catedrática na área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela e académica numeraria da Real Academia Galega; e ten desempeñado cargos de responsabilidade como o de directora do Instituto da Lingua Galega, o de vicerreitora de profesorado da USC, ou o de directora do Departamento de Filoloxía Galega.

O traballo de Rosario Álvarez a prol da lingua galega é dunha valía incalculable para este país, no que tantas veces temos que asistir, mesmo desde o exercicio da acción pública, aos reiterados intentos de minorizar o noso idioma a través de todas as formas posibles: do menosprezo, da marxinación, mesmo desde a negación e da promoción doutras linguas dominantes. Afortunadamente, ante estas posicións de ignorancia e pobreza intelectual, podemos enarbolar o exemplo que representan figuras coma a de Rosario Álvarez e o seu labor de investigación e estudo, realizado tanto desde o rigor académico como desde o amor e o respecto á nosa cultura e á nosa identidade.

E todo isto sen perder o fío que a une a Pontevedra, defendendo as súas raíces culturais como pontevedresa ou o carácter culto que esta cidade tivo ao longo da historia e que se traduce, na práctica e por poñer un exemplo, en que Pontevedra vén de acoller a exposición Inventio Mundi, producida polo Consello da Cultura Galega, e na que se recupera e se pon en valor a historia da Galiza navegante, e nomeadamente o papel de Pontevedra como cidade atlántica e a importancia dos mariñeiros da Moureira nas epopeas das expedicións que abriron os camiños do mar. Unha exposición que acaba de ser clausurada fai menos dunha semana e que nos permitiu recuperar unha parte da nosa historia como cidade, como país e como pobo que ata o de agora permanecera silenciada.

Mais tamén Rosario Álvarez representa un fito importante no tan necesario camiño da paridade de xénero nas institucións e na representación pública. Un camiño, o de botar abaixo esa resistente estrutura que chamamos teito de cristal, no que tamén se sitúa a directora da Escola de Deseño e Moda de Galiza, Lola Dopico, e que vén sendo a cara máis visible desta titulación que naceu, xa vai para tres lustros, nesta cidade. Esdemga foi, e segue sendo, unha escola pioneira, altamente especializada, innovadora e dinámica, en constante desenvolvemento e que demostrou, ao longo da súa traxectoria, a capacidade necesaria para evolucionar ao ritmo que impoñen estes tempos en constante cambio e transformación.

Orgullo de Esdemga son os éxitos do seu alumnado, como a participación nas pasarelas de moda máis representativas ou o alto grado de integración laboral ao remate dos estudos, pasando a formar parte dos equipos creativos de firmas téxtiles de primeira orde. Éxitos que tamén son un orgullo para esta cidade e para este país.

A aposta que se fixo desde Pontevedra para botar a andar esta titulación, e na que tan activamente participamos desde o Goberno municipal, tráenos como recompensa que esta cidade avance no seu papel de abrigadoiro para a formación e a proxección exterior do talento creativo. Pontevedra confórmase, grazas ao traballo realizado polo equipo de Esdemga, nunha cidade pola que circulan o talento e a creatividade, e que nos permite á coñecer novas linguaxes e experiencias, como a que a través celebración do desfile Debut, nos trae o luxo de gozar, aquí na casa, do fascinante universo que crean os e as deseñadoras de moda máis contemporáneas do momento.

Ben sabemos que para evolucionar como individuos e como sociedade precisamos de persoas que estean dispostas a darlle a volta a todo, que saiban aproveitar a nosa historia, a esencia da nosa cultura, das nosas tradicións e da nosa memoria para facela evolucionar, actualizala e dar solucións ás demandas e ás necesidades do noso tempo. En Pontevedra nese camiño levamos investido moitos esforzos nos últimos vinte anos, por iso sabemos que o traballo, a constancia e a audacia necesaria para acadar a excelencia vén acompañada moitas veces de sacrificios, sinsabores e renuncias persoais.

Sirvan os Premios Cidade de Pontevedra, ademais de para poñer en valor e prestixiar as traxectorias máis sobresaíntes da nosa sociedade, tamén como recoñecemento ao voso esforzo e compromiso para con Pontevedra e co país.

Moitas grazas