O consello asesor do Museo bota a andar

La Voz

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

O novo órgano «permitirá unha maior independencia da institución fronte ao control político»

27 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A arqueóloga Beatriz Comendador; o empresario das industrias culturais Kin Martínez; a directora de Esdemga Lola Dopico; a artista Menchu Lamas; o crítico de arte Ramón Rozas; a arquitecta Teresa Táboas e o pedagogo e escritor Xaime Toxo son os integrantes do novo consello asesor do Museo de Pontevedra. O vicepresidente da Deputación, César Mosquera; o director do Museo, Xosé Manuel Rey; a directora de xestión, Sonia Mateos; e o secretario da Deputación, Carlos Cuadrado, tamén formarán parte do novo órgano.

Un acto celebrado no Sexto Edificio serviu para dar a coñecer a composición do consello asesor. Mosquera destacou que as sete persoas alleas a institución elixidas para o consello son «representantes de sectores moi diversos da sociedade cunha ampla traxectoria profesional». O consello asesor se reunirá de forma periódica (como mínimo dúas veces cada seis meses de maneira ordinaria) para falar de como afrontar os proxectos, a xestión, e o funcionamento da institución museística do obxectivo final de consolidar o liderado do Museo de Pontevedra en Galiza e avanzar cara a unha maior proxección exterior.

Os membros do consello celebraron unha primeira reunión de toma de contacto, que serviu tamén para que leven os primeiros «deberes» para casa: propoñer ideas e suxestións tanto sobre os novos edificios do Museo, a rehabilitación dos inmobles antigos, a xestión ou a comunicación.

Durante o acto de presentación, o vicepresidente destacou que os seleccionados para formar parte do consello asesor fórono polo seu currículo e valía individual e non por seren representantes de institucións, ademais de salientar que «son persoas relativamente novas fronte á tendencia a que haxa carga excesiva de idade».

Un proceso de renovación

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, aludiu o número de mulleres presentes no Consello Asesor, facendo posible que se combinen as «miradas feminina e masculina» e tamén a ampla representación territorial, pois os integrantes proceden de diversos puntos da provincia e ao mesmo tempo de fóra dela. Pediu aos integrantes do novo órgano que «abran portas e ventas e que escoiten para o que Museo de Pontevedra sexa aínda máis grande do que xa é».

Pola súa banda, o director do Museo Xosé Manuel Rey destacou que o Museo se atopa inmerso nun proceso de paulatina renovación, con moi diferentes retos e desafíos, «algúns vencellados coa busca dun maior compromiso social, co reforzo da participación cidadá e o fomento da inclusión e colectivos situadas nas marxes do sistema museístico», ou ben co desexo de mellorar o funcionamento operativo, adoptando unha visión plural e compartida da súa visión a través da participación cualificada de diferentes axentes sociais na configuración do seu futuro.

Rey destacou que tradicionalmente os museos españois contaron coa existencia de órganos colexiados de carácter consultivo e asesor a través dos que se canalizaba a participación da sociedade nos seus órganos de xestión «permitindo con isto superar unha dirección de carácter excesivamente personalista». A día de hoxe, explicou, esta figura, en formas renovadas, está presente na estrutura organizativa de todos os museos independentemente de que dependan organicamente dos departamentos de Cultura das diferentes administracións ou ben de que dispoñan de fórmulas de xestión diferentes. «De feito, a existencia dun órgano colexiado de asesoramento está considerada unha boa práctica entre os especialistas de xestión museal», sinalou.

Maior consenso

Entre os beneficios de contar cunha figura deste tipo o director do Museo afirmou que permite asegurar múltiples obxectivos, e enumerou, entre eles, «acadar unha maior independencia da institución fronte ao control político, incorporar unha maior participación social, aportar miradas diferentes a través da súa composición diversa, e dotar á xestión global do Museo dun maior consenso por medio do acordo entre diferentes axentes sociais, interlocutores e expertos que o integran».