Un Culturgal cheo de inxenio e tradición

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A feira demostra un ano máis a boa saúde da industria cultural galega no mercado audivisual, literario e tamén no artesán e artístico

01 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non fan falta máis que unhas horas no Culturgal para comprobar que a industria cultural galega goza de excelente saúde en todos os campos. As editoriais galegas amosan as súas últimas creacións e os escritores presentan os seus últimos traballos no Espazo Libro a un ritmo frenético, tal que é imposible seguirlle o ritmo sen programar a visita polo miudo.

As propostas son múltiples:obradoiros ao longo de todo o día para os cativos: de arquitectura da man do CGAC, de banda deseñada, de robótica, de ilustración con Xerais, etc así como espectáculos dirixidos ao público familiar.

O Museo Científico Itinerante consigue atraer a atención dos cativos con experimentos instantáneos dos que os fai partícipes e gran parte deles vencellados á ciencia no Camiño.

Tamén a música conta cun protagonismo especial no Culturgal, onde grupos emerxentes e consolidados presentan en concerto os seus últimos traballos. Onte foi o turno, entre outros, de Tanxugueiras e Dios Ke Te Crew, un grup de Ordes que reivindica a importancia do rap feito en galego e que este xénero musical deixe de estar «ninguneado» nas plataformas comerciais.

Destacan a cadencia e a musicalidade do galego para facer hip hop e agradecen a fidelidade dun público que fai posible, co respaldo masivo ás súas convocatorias musicais, que este xénero teña un oco propio na industria musical en galego.

Entre a inmensa variedade literaria hai espazo tamén para a solidaridade. Neste campo destaca a presentación da Colección Makakiños, contos con pictogramas para romper as barreiras da incomunicación. Oito títulos, dous deles en galego, conforman este traballo elaborado por Kalandraka en colaboración coa asociación BATA, de tratamento do autismo, e que están sendo utilizados xa en moitos centros escolares como material didáctico para nenos con necesidades educativas especiais.

Convivindo co espazo foro, a carpa e área gastro, o Culturgal tamén ofrece un pequeno escaparate da artesanía galega. Neste eido o stand da empresa Imprimetresde.com que, partindo de materiais ecolóxicos leva os elementos máis tradicionais da cultura da terra a un deseño innovador impreso en 3D, dándolle forma de complemento, de chaveiro ou incluso de pendrive.

Cidade da Cultura

A Consellería de Cultura aproveitou tamén o Culturgal para avanzar a programación de inverno da Cidade da Cultura, na que a exposición «Galicia, un relato no mundo» terá un papel destacado, cun programa especial de visitas comentadas con especialistas. A través do ciclo Historias na encrucillada, todos os sábados pola mañá a partir do 14 de decembro o público poderá mergullarse na mostra dun

xeito diferente, afondando nunha etapa histórica ou temática concreta da man de expertos nesa materia.

 Programa para hoxe

O Culturgal chega hoxe a súa última xornada cunha axenda repleta de propostas

Lambatecas

12.30 horas • Auditorio do Pazo • Talía Teatro presenta un espectáculo para público familiar e infantil, recomendado para nenos de 6 a 11 anos que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual.

Biblioteca da Pedagoxía

12.30 horas • Espazo Foro • Kalandraka presenta esta iniciativa pioneira encamiñada a prover os lectores galegos unha parte significativa e seleccionada dos textos en materia educativa e pedagóxica máis relevantes a nivel internacional.

Lulavai

12.30 horas • Carpa • Catro artistas forman este insólito cuarteto de arpas celtas e voces. Sobre os escenarios dan vida a ensoñadoras melodías, baseadas na música tradicional galega, misturadas con pinceladas de clásica, músicas do mundo, e todo aderezado por orixinais arrancos e composicións.

Obradoiro de Nadal

12.30 horas • Espazo Arte Contemporáneo • A Cidade da Cultura, en Santiago, convertirase este ano nun espazo no que vivir o Nadal. A Xunta aproveita o Culturgal para anticipar esta maxia a través do obradoiro de decoración navideña, no que haberá 20 prazas por sesión. Para nenos de 6 a 12 anos.

Maxia

16.30 horas • Espazo Infantil • Maxia de catro a catro é un espectáculo do mago Pedro Bugarín que se caracteriza por ser emocionante, versátil e en clave de humor. Reúne maxia con xogos 3D.