«A obra "Bernarda" arranca o día que morre Franco»

PONTEVEDRA

MALASOMBRA PRODUCIÓNS

Xoque Carbajal destaca que esta peza teatral aborda o choque xeracional entre tres mulleres

06 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O ciclo de Ponteatro, a iniciativa que busca achegar, en palabras da concelleira de Cultura, Carme Fouces, «o mellor do teatro galego e en galego á cidade», recala este xoves no Teatro Principal. E faino da man de Malasombra Producións e a súa obra Bernarda. «É un drama con moito humor. Está inspirada en La casa de Bernarda Alba, inspirada nada máis, porque de aí sacouse o conflito. A partir do conflito de La casa de Bernarda Alba fíxose este texto orixinal», resaltou onte Xoque Carbajal.

O produtor de Bernarda engadiu que na peza cóntase «a vida de tres mulleres no ano 1975». Trátase, polo tanto, dunha obra que pon en escena os conflitos xeracionais nun momento concreto da historia de España na que se estaba a entrever un cambio político. «De feito, o espectáculo arranca o día que morre Franco. Queriamos falar desa época en Galicia, como se viviu ese choque xeracional. Persisten as vellas tradicións, pero, ao mesmo tempo, estámonos a abrir ao mundo. Coa Transición entran novas músicas, novas modas e prodúcese un choque xeracional.

Así, Bernarda «queda viúva o mesmo día que morre Franco e non quere que nada cambie. Pero as súas fillas son novas e Bernarda non entende a música ye-yé, os guateques, as minisaias... Unha serie de cousas que están entrando e que son inevitables».

Dirixida por José Prieto, quen asina tamén o texto da obra, Bernarda conta coa participación de tres actrices -Celia González, Luisa Merelas e Esther Aja-. «Levamos bastantes anos e penso que é das compañías de Galicia que máis está traballando. Estamos facendo unhas oitenta funcións ao ano, o que é unha barbaridade para unha compañía de teatro profesional. Temos uns circuítos estables onde os concellos, as deputacións etc. van confiando en nós. Estamos producindo dous espectáculos ao ano, cando antes faciamos un cada dous anos. Estamos contentos», remarcou Xoque Carbajal.

As entradas para a función deste xoves (21 horas) pódense adquirir na web de Ataquilla.com, na Casa da Luz, no teléfono 902 504 500 ou, xa o mesmo día da representación, na billeteira a un prezo de 8 euros (a metade en caso de estudantes, parados ou maiores de 65 anos).