Unha exposición recolle a obra dos Novos Valores 2018

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Natalia Umpiérrez, Noela Covelo, Lois Búa e Blanca Nieves Lourés presentan as creacións xurdidas ao abeiro das axudas

18 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende onte e ata o vindeiro 17 de novembro, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle os proxectos realizados polos gañadores de Novos Valores 2018 ao abeiro destas bolsas de creación artística impulsadas pola Deputación Provincial. «Hai un ano que partiron de aquí coa súa bolsa debaixo do brazo para iniciar unha viaxe creativa que culmina con esta exposición», resaltou Sonia Mateos, directora de xestión desta entidade cultural.

Esta axuda económica permitiu no caso da pontevedresa Natalia Umpiérrez desprazarse a México para coñecer de primeira man a riqueza de matices da súa cultura. Deste xeito, como consecuencia da súa estancia neste país, xurdiu a instalación Milagriños, composición na que candelabros artesanais sobre peañas e con velas da histórica Cerería Jesús da Cidade de México se complementan cun vídeo para, a modo de bodegón, simbolizar como o tempo se consume.

Pola súa banda, a tamén pontevedresa Noela Covelo presenta A plañidera e outros contos, obra na que, entre outras cuestións, se aborda como «o folclore axuda a representar unha idea de pasado común entre quen decide sosterse sobre unha mesma representación da súa cultura», destacan dende a Deputación.

As obras expostas compleméntanse coas dúas propostas de Blanca Nieves Loirés, Vitral e Familia, así como con Zona de vigilância, reflexión sobre a tecnoloxía por parte de Lois Búa.