«Os plans de urbanismo non poden estar ao servizo do poder»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MARCOS GAGO

Os arquitectos teñen moito que dicir sobre o deseño das cidades e das vilas cara os retos do século XXI

05 oct 2019 . Actualizado a las 21:17 h.

Os arquitectos teñen moito que dicir sobre o deseño dos plans de urbanismo, como clave de futuro.

-¿Que diferenza hai para un concello en ter ou non PXOM?

-O PXOM é un elemento determinante para atraer á poboación, e polo tanto nunha Galicia que perde día a día máis poboación aqueles concellos que nos aporten unha maior calidade urbana, cunha maior mobilidade, con mellores servizos e sensibilidade serán os que atraerán máis novos veciños e nos que a xente non se irá. Os PXOM son ferramentas que, co seu desenvolvemento, conseguirán este cambio.

-¿Que se debe ter en conta para que un PXOM sexa aceptable desde o punto de visto urbanístico?

-Eu entendo que o máis importante sería a sensibilidade ante todos os colectivos que habitan a cidade. É dicir, a accesibilidade, a mobilidade, sensibilidade ambiental, o xénero, a igualdade, ter en conta a todos os colectivos que se atopan nas cidades. Hai que dar respostas a todas as necesidades, como no transporte, a calidade dos espazos urbanos, o mobiliario urbano e incluso dotacións tan pequenos, como por exemplo, aseos de uso público, porque aí estás incluso atendendo as necesidades especiais de persoas ostomizadas, ou as novas demandas da sociedade.

-¿E dende o punto de vista arquitectónico?

-Eu entendo que o problema dos recursos debe resolverse con máis arquitectura, é dicir, con calidade. E con isto non falo de facer edificios espectáculo nin moito menos. Deberíanse facer actuacións ou micro actuacións que o que fagan é apostar pola idea de facer cidade. A arquitectura está chea de tentáculos que chegan a todos os ámbitos da vida. Nunha preocupación entre o específico e o contexto debe ter e importancia o contexto. ¿Que quero dicir? Que a importancia non é do edificio espectáculo, que son grotescos, que non sorprenden a ninguén. O importante é o contexto no que está. Hai que facer cidade.

-¿Por que é tan difícil sacar adiante un PXOM?

-Porque é unha ferramenta que quita e pon alcaldes e polo tanto hai unha compoñente moi política de vontades de aprobación, pero entendo que é unha obriga a súa redacción. Moitos concellos non o fan porque o van deixando nun caixón, ou por ese motivo que precisamente comentaba antes, e debería ter unha fecha de revisión para que se actualicen obrigando a que se adaptan ás novas normativas que aparecen ou incluso a nivel autonómico que se propoñan sancións para dar cumprimento e que os concellos se dean conta de que é necesario. Os PXOM están moi relacionados co poder, pero non poden estar ao seu servizo. Isto paréceme claro. Un plan de urbanismo ten que estar moi por enriba desas vontades políticas. Si que ten que estar relacionado co poder, e o está por suposto, pero non pode estar ao seu servizo.

-¿E iso como se fai?

-Pois entendo que debe ser sensible, sostible e vivo. O urbanismo do futuro, para min, son esas tres claves. Que teña vixencia, que non caduque, que se estea constantemente actualizando.

-¿Como se fai un PXOM sostible e sensible?

-O de sensible é dar resposta a todos os colectivos, a toda a sociedade. E a sostenibilidade xa o di o propio concepto tamén, falamos de termos ecolóxicos, económicos e sociais.

-¿Como se compaxina o desenvolvemento dun PXOM coa protección de elementos naturais e patrimoniais?

-Esa protección é absolutamente prioritaria. Hai que coidar de introducir os catálogos de elementos arquitectónicos e paisaxísticos de interese, tanto históricos como contemporáneos poñendo especial acento nestes últimos, porque moitas veces estase perdendo actuacións ou exemplos de arquitectura, arte e intervencións paisaxísticas contemporáneas porque parece que o que ten valor é o antigo, o que ten máis de cen anos. Pero isto non quere dicir que non poden coexistir.

-¿Contribúe un PXOM a salvar os cascos históricos?

-Absolutamente non. Hai casos de vilas onde se está despoboando o casco histórico e teñen PXOM. O plan de urbanismo é unha ferramenta base, pero o máis importante neses casos é que se desenvolvan os plans especiais de protección dos cascos históricos e as áreas de dinamización destes contornos para evitar que se degraden e se convertan en zonas mortas das cidades e vilas. Se ti tes un plan e non o desenvolves, convertes o casco histórico nunha zona morta. Necrósase. As vivendas teñen un período de vida útil, os comercios pechan. Hai que dotalos de zonas comerciais e de servizos para a cidadanía. E fago unha reflexión. Preguntémonos porque un Zara é capaz de revitalizar unha zona máis que unha biblioteca pública. Porque hai que ter en conta que os plans de dinamizacións é importante dotalos de servizos, pero tamén de actividade económica para que funcionen, para que teñan vida e sexan atractivos. Ti podes ter un casco histórico de libros fantástico e que non haxa ninguén dentro, porque a vida insúflase coa actividade comercial tamén. As cidades serán máis acolledoras de poboación.

-A maioría dos cidadáns queixámonos dun exceso de normas no urbanismo, ¿como o ve?

-O exceso de normativa é unha realidade que existe, e inflúe nos tempos de tramitación. Sen embargo, desde o punto de vista positivo, que eu entendo que tamén ten, é que se teñen en conta que se regularon porque existía esa necesidade. Unha solución ás queixas dos cidadáns é que se fixesen máis axilidade nos trámites.