Xacio Baño: «A min impórtanme os retos, por iso escollín o cinema»

O cineasta xovense é un dos creadores galegos máis potentes na realización de curtametraxes dos últimos tempos


Xacio Baño rematou no cine case sen querer. El tiña outros plans, pero «polo xeral na vida non se soen cumprir». Cando era cativo quería imitar os pasos de seu pai e ser enxeñeiro, un camiño que enseguida abandonou, preso da sensación de que non ía ter a cabeza calma nese espazo. A felicidade atopouna no cine, «un lugar no que refuxiarme, a miña cova para estar quentiño».

-Comezas facendo curtametraxes e agora estreas Trote, a túa primeira longa. ¿Que supón este cambio?

-Supón outro nivel de produción, máis ollos que miran o teu traballo e chegar a máis xente, e iso é algo que tes na cabeza, para ben e para mal. É a primeira vez que fago algo que non produzo eu mesmo, e non estar coa cabeza na produción libérate de moito tempo. Ao final é coma outro xogo: ambas, curtas e longas, son creacións, e merecen o mesmo respecto. Pero a ollos de fóra parece que xa son maior. Eu tratei a miña primeira longa coma se fose outra curta: para investigar, probar e equivocarme. É onde eu me atopo feliz.

-Así como se sentiu liberado na produción, ¿cre que perdeu liberdade na parte creativa?

-Ao ter un equipo moi grande comparado coas miñas curtas, si que foi un cambio drástico. Pero ao final, eu trato de ser moi responsable co que fago. Teño unha parte creativa, que é como liberar todos os meus demos e non responder ao espectador, pero si que hai que ter en conta que máis xente vai ver o filme, e debes ser máis aperturista. Quizais si que no momento de concibir o guión con Diego Ameixeiras tratamos de facer unha historia un pouco máis accesible do que adoito facer.

-¿En que terreo se sente máis cómodo?

-Se che digo a verdade, en ambos. A min o que me importa son os retos, por iso escollín o cinema. Eu onde sinto que de verdade isto é o meu, e sinto que me enche, é cando estou eu pelexándome coa película. Iso está tanto nunha curta como nunha longa.

-Un creador adoita traballar a partir do que coñece. ¿Identifícase coa protagonista?

-Escribimos a historia un pouco sobre os meus medos e as miñas inquedanzas, os meus problemas máis persoais, que a fin de contas é o que lle pasa a Carme (a protagonista). Ten que ver coa loita que temos entre o animal salvaxe que vive en nós, que pide fuxir, e a parte máis humana, que pide coidar da xente maior e quedar na casa. Hai unha loita moi grande que vive en min. ¿Que facer na vida: seguir o teu camiño e deixar atrás o "obsoleto" ou devolver o amor? ¿Cal é o equilibrio? É todo moi complexo. A vida vai por un camiño ou por outro en función de que parte gaña: a salvaxe ou a doméstica. Para min, ese dilema está en Carme e está en min.

-Carme é outra personaxe feminina que se suma a unha longa lista de mulleres poderosas do rural que protagonizan as súas historias. Detrás diso, ¿hai unha elección plenamente consciente?

-Sabía que quería contar esta historia cunha muller protagonista, porque creo que o dilema era máis potente nela que nun home. Pero tamén tiña claro que non podía ser ela a protagonista absoluta, porque me sentiría un pouco impostor, xa que chega un momento que as mulleres teñen que contar as súas propias historias. É o que toca agora, máis que un home contando de novo a historia dunha muller. Nese medo de sentirme invadindo un espazo que non me pertence contar, creamos unha historia coral.

-Conclúes a película convidando o espectador a identificarse co cabalo, con ese plano final que o conecta co seu ollo. ¿Que hai detrás desa mirada?

-Hai un mundo. Eu creo que esa mirada é un regalo da rodaxe. É un ser que mira a esa familia, a sociedade, que non acaba de estar equilibrada. É unha mirada de extrañeza, con sentimentos. Quizais a mirada do cabalo sexa a máis humana de toda a película. Convídanos a ver ao animal doutro xeito e a nós mesmos. Lembro o que dicía John Berger: cando miramos ao ollo dun animal, este devólvenos a mirada e sabemos cal é a nosa propia existencia. Sabemos que non hai moita diferenza entre ese cabalo e nós. Gustoume a idea de esconder a mirada do animal durante toda a peli e deixala para a imaxe final.

-Nos próximos proxectos regresa á curta e á palabra escrita, un recurso que xa empregara con anterioridade.

-A palabra escrita ten o poder da educación. De non acabar de corporizar o que é unha imaxe. A imaxe atrapa rapidamente, define os límites do que ves, pero a palabra ten o poder da evocación. É un tema que me interesa moito. A curta que estou rematando agora, Augas abisais, ten que ver coa palabra escrita. Vai sobre as cartas que enviou un familiar durante a súa etapa en Teruel como soldado na Guerra Civil. Alí morreu na guerra e deixou cinco cartas que chegaron a casa, nas cales se pode apreciar a potencialidade do non dito, como agocha os medos. Hai algo de pechar feridas familiares nesa curta. Traballo o esquecemento, un tema que me toca moito. Verase o próximo ano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Xacio Baño: «A min impórtanme os retos, por iso escollín o cinema»