Profesionais do cine achegarán a súa experiencia ao FICBUEU

xiana r. olivares

PONTEVEDRA

CEDIDA

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu prepara a nova edición entre cine, música e coloquios

27 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo está a punto para o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), que arrincará a súa XII edición o próximo 6 de setembro. Ata o 14 dese mesmo mes pasarán polo municipio pontevedrés artistas, produtores, intérpretes e cineastas que se achegarán ao certame para presentar as súas obras e conversar sobre as súas experiencias no mundo da cinematografía.

Alén da programación centrada no eido cinematográfico, a música ao vivo terá un papel destacado ao longo das xornadas. Deste xeito, o evento contará cun amplo abano de concertos no que se porá banda sonora a grandes clásicos do cine mudo. Os directos estarán encabezados polo artista barcelonés Enric Montefusco, para cuxo concerto do sábado 7 xa se poden adquirir as entradas na páxina web do FICBUEU.

Con todo, a organización programou unha serie de actuacións de balde protagonizadas por AJB Collective, Caspervek Trio e Iván Rodríguez, entre outros, ademais do concerto PunkInfantil.

O paso da curta á longa

A vindeira edición do festival contará coa presenza dun dos creadores galegos máis potentes na realización de curtametraxes dos últimos anos, Xacio Baño. O cineasta xovense, que presentou a súa primeira longa, Trote, o ano pasado no festival de Locarno, abordará na súa charla os retos que lle supuxo mudar de formato. Será o sábado, 7 de setembro.

Outra das conferencias máis agardadas vén da man de Elia Robles, que formou parte do equipo de dirección de arte de La sombra de la ley, filme galardoado co Goya á Mellor Dirección Artística. Como artífice da dirección artística de Ons, o domingo 8 presentará a longametraxe acompañada do director da mesma, Alfonso Zarauza.

O sábado 14 pechará a serie de conversas o produtor executivo de Frida Films, Sergio Frade, que achegará aos asistentes o complexo proceso de sacar adiante un proxecto cinematográfico, con especial atención ás vías para autoproducir unha curta.

Para coñecer de primeira man aos profesionais do sector, o FICBUEU ofrece no seu punto de encontro uns foros nos que participará a Asociación de Profesionais da Dirección e Realización de Galicia (CREA), desde onde falarán das súas experiencias en festivais estatais e internacionais, ademais dunha cita con Luis Zahera o sábado 7.