Poio alerta: «O transporte público nas Rías Baixas é lamentable»

xiana r. olivares PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CLAUDIA GÓMEZ

O Concello avanza o novo Plan de Mobilidade que levará a pleno

23 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«O transporte público das Rías Baixas é lamentable, presenta deficiencias históricas», denunciou o concelleiro de Urbanismo de Poio, Gregorio Agís, na presentación do novo Plan de Mobilidade sostible. Ao problema do transporte engádese a «saturación da PO-308, especialmente na época estival», que constitúen as dúas cuestións que máis preocupan á veciñanza.

Co gallo de solventar as principais deficiencias que detectaron os veciños logo de ser sometidos a unha enquisa, o Concello de Poio deseñou un documento que será aprobado no vindeiro pleno. As prioridades, sinalaron desde o goberno municipal, son satisfacer as demandas dos poienses en materia urbanística e recuperar os espazos públicos para a cidadanía. Para abordar a situación e garantir o cumprimento do plan, todas as concellerías implicadas reuniranse nunhas mesas de mobilidade mensuais que comezarán o 3 de setembro.

Os primeiros pasos, logo do proceso de participación cidadá que serviu para detectar as carencias máis urxentes, pasan por elaborar unha diagnose que permita artellar unha serie de actuacións e proxectos de futuro adecuados. Deste xeito, o Concello observou que particulares e colectivos do municipio pontevedrés definen o transporte público como «completamente deficiente», ademais doutras necesidades vencelladas á seguridade vial, a mobilidade ciclista e a xestión do estacionamento. Apuntadas as cuestións prioritarias, o concelleiro de Urbanismo concluíu que é necesario «establecer itinerarios alternativos á PO-308», así como «mellorar a seguridade nos tránsitos ciclistas e peonís».

Na procura de fondos europeos

A posibilidade de acceder a axudas da Unión Europea para financiar o proxecto é un obxectivo fundamental para o Concello. «Moitos dos programas do plan poderían ser financiados polos fondos FEDER», apuntou Agís, lembrando a particularidade sostible do plan, que persegue reducir a pegada de carbono.

Dez anos e 13 millóns de euros son as cifras que contemplan polo de agora desde o goberno municipal, para o que é necesaria «unha planificación para facer estes investimentos», explicou o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, sen esquecer unha actuación coherente «co medio ambiente e a calidade de vida veciñal». Ademais da análise e da opinión aportada pola veciñanza, o documento apóiase en diversas enquisas da Xunta -á que o Concello reclama atención e unha resposta real- e outros organismos, que inclúen medicións de intensidade de tráfico, entre outros estudos.