«O verdadeiro perigo é que a lectura non sexa reflexiva»

xiana r. olivares

PONTEVEDRA

CLAUDIA GÓMEZ

Amigos de Pontevedra outorga á editorial Kalandraka o único premio que vai dirixido a unha institución colectiva

06 ago 2019 . Actualizado a las 11:55 h.

En tempos de tiranía da conectividade, reivindicar a lectura en papel é un acto revolucionario. A editorial Kalandraka aposta pola lectura feliz: estimulante, divertida, pero tamén reflexiva, sostén o seu director, Xosé Ballesteros. Cren no lector como axente activo para comprender o mundo, non coma un servo da pantalla. Naceron en 1998 e son coñecidos como «os rescatadores», polo seu labor na recuperación de títulos tradicionais en todas as linguas oficiais do Estado, o que pon de manifesto que as linguas non deben ser muros, senón pontes de comunicación.

-¿Como reciben este premio?

-É como sentirte profeta na túa casa. Unha sensación moi agradable, xa que é o terceiro premio que nos dan as institucións da cidade, polo que nos sentimos vivos aquí.

-¿Que papel ten o sector editorial na cultura?

-Os que publicamos para nenos temos unha enorme responsabilidade. Os libros que gardamos na memoria forman parte das nosas bibliotecas particulares, fixéronnos tomar decisións ou simplemente marcáronnos. Detrás deses títulos, ademais do autor, está a selección dun editor. Publicamos desde un compromiso ético e político. Nós cremos nunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre, e temos unha gran responsabilidade á hora de elixir que libro imos poñer en mans dos nenos e das nenas. Non é ningún xogo, é algo moi serio.

-¿E que criterios persegue esa selección?

-Recibimos ao mes máis de 300 proxectos, co cal hai que facer un enorme traballo de selección. Buscamos os diamantes entre esa gran masa. Para nós, está claro: un texto ten que emocionarte, divertirte ou sorprenderte. Se non o fai, é un libro prescindible.

-Unha das súas máximas é o estímulo da lectura nos nenos. ¿É unha responsabilidade colectiva?

-Si. Comeza nas casas, continúa na escola e nas bibliotecas, co apoio das librerías e, por suposto, da Administración, que debería poñer libros ao alcance da cidadanía e crear as condicións favorables para que o ecosistema da lectura sobreviva para ter unha sociedade máis lectora, xa que unha sociedade máis lectora é unha sociedade máis feliz.

-Nacían co obxectivo de contribuír á normalización lingüística con obras en galego de calidade estética e literaria. ¿Como ven agora a situación?

-Igual de mal que hai 21 anos. Non se avanzou, cremos que hai unha responsabilidade coas políticas lingüísticas, que teñen que ver coa promoción da lectura, coas que non nos sentimos a gusto. Pensamos que se podería facer moito máis. Un país que non coida o seu patrimonio será un país cada vez máis triste. A lingua é patrimonio inmaterial, e a lectura e a escrita en galego forman parte diso. Un non se pode avergonzar da súa lingua.

-A edición dixital, ¿é unha ameaza ou unha realidade coa que convivir?

-Hai que aproveitar os avances tecnolóxicos. Pero cremos que un neno ou unha nena debe achegarse ao mundo dixital cando a súa formación como individuo o permita, sen adiantar etapas, porque non lle estaremos facendo ningún favor. Para nós, o problema é: lectura si ou non, e o verdadeiro perigo é que esta non sexa reflexiva.