O Culturgal ábrese ao mundo dos videoxogos, aos creadores de app e, en xeral, á cultura interactiva

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CLAUDIA GÓMEZ

A edición deste ano da Feira das Industrias Culturais aportará por unha «reestruturación profunda, no deseño expositivo de stands, na circulación»

31 jul 2019 . Actualizado a las 20:32 h.

Renovarse ou morrer. Esta é unha das máximas sobre as que se articula o Culturgal, que nos seus doce anos de existencia xa experimentou tres importantes transformacións -a última, no 2017 coa inauguración do Espazo Arte Contemporánea-, e que na edición que se desenvolverá entre o 29 de novembro e o 2 de decembro introducirá novos e importantes cambios que afectan tanto ao continente como ao contido.

Deste xeito, e segundo expuxo este martes Xosé Aldea, director da Feira das Industrias Culturais, no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) de Pontevedra, nesta edición procederase a unha «reestruturación profunda da feira, no deseño expositivo de stands, na circulación». A intención é estrear un novo sistema de montaxe mediante estruturas metálicas suprimindo os espazos pechados e estancos en pro de elementos translucidos que fomenten o contacto entre persoas e entre empresas e proxectos.

CLAUDIA GÓMEZ

No eido dos contidos, o reto ven da man da incorporación da cultura interactiva, de tal modo que o Culturgal ábrese a entidades culturais con alto compoñente tecnolóxico. É o caso de firmas dedicadas aos videoxogos, á realización de app ou aplicacións para móbiles, de realidade aumentada ou de realidade virtual. «Queremos presentar e centrar todo o mundo da cultura galega na estimulación e interacción do público e que se mostren as infinitas posibilidades de desenvolvemento e aproveitamento dos produtos e servizos culturais. Queremos por o foco na cultura interactiva, que é un dos grandes retos da cultura galega actual», engadiu Xosé Aldea, quen destacou que se busca visibilizar un ámbito que incide en aspectos lúdicos, divulgativos, didácticos e participativos.

CLAUDIA GÓMEZ

De igual modo, anunciou que se abriu o prazo para, por un lado, a contratación de stands até que se esgoten ou como máximo até o 15 de novembro e, por outro, empezar a mandar propostas para os outros cinco espazos, el Familiar, Libro -«o corazón da feira», en palabras de Xosé Aldea- , Foro, Carpa e Audiovisual até o primeiro de outubro. A intención é programar ao longo destes tres días cerca de 130 actividades, polo que se fretarán autobuses dende as principais cidades galegas a Pontevedra.