Miguel del Río: «Tocar no Festival de Jazz é un recoñecemento ao traballo realizado»

PONTEVEDRA

Manuel Bondad

O grupo presentase o martes como cuarteto: «Os teclados aportan o seu color, o seu punto de improvisación»

22 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñece que recibiu a nova da súa participación na edición que comeza este martes do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra con «moitísima ilusión. Para calquera artista ou grupo é un recoñecemento bastante importante ao traballo realizado». Mr. River, con Miguel el Río ao fronte, será o grupo encargado de inaugurar na praza do Teucro esta cita xa consolidada do calendario estival.

-¿Senten que son profetas na súa terra, en Pontevedra?

-A verdade é que estamos sacando o grupo pouco a pouco. A música que facemos tampouco é que se poida apreciar tanto aquí, ao mellor apreciase mellor noutros sitios. Creo que é un tema cultural que, pouco a pouco vai atraendo a máis xente, máis público

-¿Pódese vivir do jazz?

-É complicado. E moi complicado e nós non vivimos do jazz. Para vivir desto tes que estar nas altas esferas.

-¿Como xurde Mr. River?

-En principio, xurde da xuntanza cun baixista, Santi MarSan, que se pon en contacto comigo. Empezamos a ensaiar e a montar os temas que eu tiña gardados de anos e a probar sons co primeiro batería que se incorporou a formación, Manuel Bastón -hoxe está Marcos Corbacho-.

-¿E o nome?

-(risas) Ven do meu segundo apelido. Son Miguel Ángel González del Río. Son o guitarrista de Mr. River, pero tamén son o compositor dos temas.

-Imaxino que moitos destes temas soarán este martes.

-Si, claro. Estarán todos os que incluímos no noso primeiro EP que sacamos con catro temas e máis outros que temos. Para o outono ou o inverno porémonos co segundo EP. No concerto serán todos temas orixinais meus, menos un par de versión que metemos polo medio.

-Mr. River non é un grupo de jazz ao uso, ¿non si?

-A verdade é que non é jazz, definimos o que facemos como unha fusión. É unha mestura de rock, blues, jazz, música flamenca e, incluso, hai toques de música tradicional. É unha fusión de estilos.

-Entendo que todo isto é froito das vosas influenzas artísticas.

-Claro, das miñas influenzas con músicos como Scott Henderson, Pat Metheny, Chick Corea e, incluso, outros máis próximos ao rock, caso de Joe Satriani ou Steve Vai.

-Sodes un trío, pero en Pontevedra ides tocar como cuarteto coa suma de Adrián Solla aos teclados.

-En principio, somos un trío, pero empregamos a fórmula de cuarteto en festivais máis grandes ou se requira dunha formación máis grande.

-¿Que engaden os teclados ás súas composicións?

-É sumar. Sumar ao son do grupo porque os teclados aportan o seu color, o seu punto de improvisación nalgúns temas... É sumar ao que xa é o son do grupo.