A exposición dos cen panos

PONTEVEDRA

MUSEO DE PONTEVEDRA

O Sexto Edificio reúne, por primeira vez en Galicia, mantóns e tecidos dos séculos XIX e XX

20 jul 2019 . Actualizado a las 19:50 h.

«En Galicia é a primeira vez que se fai unha exposición destas características e desta importancia polo número de pezas e pola súa antigüidade». José Luis Rodríguez, comisario da exposición Galicia, a terra dos mil panos, presentou onte a mostra na que, por primeira vez, se reúne unha escolma de máis dun centenar de mantóns e tecidos orixinais utilizados nos séculos XIX e principios do XX, algúns deles verdadeiras xoias pertencentes ao colectivo Sete Espadelas e a socios propietarios particulares que os ceden para a mostra.

Neste senso, Rodríguez remarcou que «a xente que se achegue á mostra -estará aberta no Sexto Edificio do Museo do 24 de xullo ao 1 de setembro- debe saber que son pezas moi particulares e difíciles de volver a ver». Entre outras cousas, porque é necesario dispor dunhas condicións ambientais moi específicas, como é o feito de que se teñen que expor practicamente a escuras para non danar os tecidos. De igual modo, deben estar totalmente protexidas en caixas herméticas controlando a humidade con produtos secantes, aireadas, cambiándolles a posición para que a seda non fenda co tempo, evitando a luz solar e fóra do alcance de microorganismos.

Co obxectivo de facer máis espectacular as diferentes pezas da colección, as mesma amosaranse en manequíns, pero no caso doutras, polo seu valor, permanecerán protexidas en vitrinas. É o caso dun mantón cantonés de 1840 ou doutros con motivos chineses bordados en seda e coas caras das figuras policromadas en marfil.

Dende o Museo precisaron que se exporán nove grupos de téxtiles que usaban as galegas de finais do século XIX e inicios do XX, con variadas tipoloxías e tamaños, materias primas, confeccións, adornos, bordados ou técnicas de estampaxe... Deste xeito, poderanse contemplar panos de corpo e cabeza de decotío, panos de loito, panos muradáns ou panos de namorar -os únicos que levaban os homes-.

Nembargante, os exemplares máis espectaculares serán, sen dúbida, os mantóns de Manila, que chegaron a Galicia grazas aos mariños desde o porto filipino de, claro está, Manila.