Dezasete encontros para reflexionar sobre a identidade social das persoas con TEA

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

O chef Pepe Solla ou o actor Luís Tosar son algúns dos coñecidos rostros que toman parte nesta mostra

14 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Afundación, a obra social de Abanca, xunto ao colectivo de fotógrafos La Diapo Fotografía, presentaron a mostra «¿Como me presento? 17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con TEA» no Café Moderno de Pontevedra.

O proxecto, impulsado por Esteban Delaiglesia e Manu Suárez, retrata dezasete encontros entre personalidades destacadas da sociedade galega, caso do actor Luís Tosar, a cantora Sés, o científico Ángel Carracedo ou o cociñeiro Pepe Solla, e «persoas invisibilizadas socialmente, representadas neste caso en persoas con TEA (Trastorno do Espectro Autista)». Deste xeito, exposición comisariada por Monse Cea «convidan a reflexionar sobre a gran fenda existente entre estes dous perfís», ao tempo que se cuestiona «a forma en que se constrúe a identidade social das persoas con capacidades diversas».

A diferenza doutras iniciativas destas características, os fotógrafos non son meras testemuñas, senón que participan nas imaxes activamente. Así, Delaiglesia e Suárez recrean o momento da presentación, «o acto social que marca o comezo dunha relación entre persoas descoñecidas co fin de coñecerse e recoñecerse no outro, a pesar das súas diferenzas», de tal xeito que as súas cámaras retratan este instante pero, ao mesmo tempo, «retrátanse á súa vez mutuamente rexistrando o momento».

Desde Afundación inciden en que a meta desta exposición é «promover o coñecemento das persoas con TEA a través das imaxes resultantes deste proceso creativo afastados do ámbito terapéutico, familiar ou educativo aos que a imaxe pública destas persoas se asocia habitualmente».

Pódese visitar ata o 13 de xullo. De luns a venres, de 17.30 a 20.30, e sábados, de 11 a 14 horas e de 17.30 a 20.30 horas.