«Os cócteles políticos parécense aos de alcohol»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Experto en coctelería, di que tanto se un mestura partidos como bebidas hai que buscar o equilibro

10 jun 2019 . Actualizado a las 17:03 h.

Hai algo máis de tres anos, Marcos Cal Ogando (A Lama, 1978) ía no coche por Pontevedra, onde vive, cando oíu algo na radio que o fixo frear e apartarse da estrada. «Escoitei que nas eleccións primarias de Podemos eu quedara de segundo para as listas das autonómicas... e entón entroume un pánico tremendo, porque me dei conta de que seguramente ía para o Parlamento... tiven que parar o coche, non lembro ni a onde ía, pero teño gravado ese instante no que parei», conta. Pasaron os días, chegaron as eleccións autonómicas e, efectivamente, confirmouse que a vida lle cambiaba a Marcos Cal Ogando: pasaba a ser deputado de En Marea representando a Podemos Galicia.

Unha das primeiras chamadas que fixo tras ser elixido deputado foi á súa nai. Di que ela andaba ben preocupada porque el deixara o traballo meses atrás para meterse de cheo no fregado político. «Tiña 36 anos, bastantes proxectos, case vinte anos cotizados. Estaba a traballar como comercial... a miña familia non paraba de preguntarse que por que me complicaba a vida desa maneira», explica. Entón, naquela chamada tras saber que ía ser parlamentario, díxolle á nai: «Mamá, xa non te preocupes que durante catro anos teño traballo». Ela non puido ter unha resposta máis de nai: «Díxome que a ver se cría que todo se arranxa en catro anos, non quedou convencida...». Sen embargo, el non se arrepinte de estar onde está. Di que Podemos «representa o cambio e a sensibilidade que necesita a sociedade» e que por iso segue aí. Logo, recorda que dende neno lle tirou loitar contra as inxustizas.

Marcos naceu e criouse no municipio rural de A Lama, terra de emigrantes por excelencia. Foino seu avó e fórono seus pais, que tiveron á súa irmá en Suíza e volveron a Galicia pouco antes de nacer el. Ten tíos e moita familia emigrada en México. E di que iso sempre lle deu unha boa perspectiva sobre a inmigración: «Cando che contan as penurias que pasou teu pai ou teu avó noutro país es moito máis consciente do que supón para quen chega a España deixar a súa terra e de todo ao que se enfrontan», indica.

Traballos moi diversos

Así medrou en A Lama sabendo que era un privilexiado por non ter que coller a mesma maleta que os seus antepasados. Arrepíntese de ter deixado os estudos tralo bacharelato. «Colleume o bum da construción, os tempos nos que vías que había moitos rapaces que traballaban e gañaban ben e 18 anos púxenme xa a traballar. Estiven algo na construción, estiven nunha fábrica de persianas ou tamén nun centro comercial e tiven un restaurante...», explica. Foi a raíz do 15M cando se lle espertou o verme da política ou cando decidiu converterse en activista para canalizar «a sensibilidade coa dor allea» que di que sempre tivo. Participou nas acampadas, nas concentracións, nas marchas pola dignidade e nun momento dado soubo que quería estar en política. «Faleino cun amigo, díxenlle que se daquel todo movemento non saía ningunha formación política eu me metería en Esquerda Unida», conta. Pero apareceu Podemos e non tardou 24 horas en mostrar o seu apoio á formación liderada por Pablo Iglesias.

Tras moito traballo interno, tras foguearse preparando as europeas na que Podemos se deu a coñecer ou foguearse creando estruturas internas, asegura que se pensou moito o de ir nas listas para as autonómicas. «Non é unha decisión fácil. Eu deixara de traballar uns meses antes para concentrar todo o meu esforzo no tema político. E fixérao de forma altruísta, porque tiña un colchón de todos os anos traballados do que podía tirar. Pero non tiña claro se quería dar ese paso, poñíame moito respecto o Parlamento, indica.

Finalmente, tomou asento no Hórreo. Recoñece que non foi unha lexislatura doada, entre outras cousas polo rebumbio interno. Di que, malia a todo, o seu grupo, que segue sendo En Marea, traballa «con normalidade e de forma conxunta» e que el aprendeu cousas incribles nestes anos. «Levo materias que descubrín que me apaixonan como o tema do medio ambiente. Sorprendeume, para mala preservación da nosa biodiversidade», explica. Ri cando se lle pregunta se o seu paso pola política é efémero: «No espírito de Podemos xa está que así sexa».

Logo, falando de pactos, acaba recorrendo ao seu vello traballo de cocteleiro -«si, fun dos primeiros tolos que me formei e que dei formación no tema de facer cócteles e combinados», lembra- e di: «A verdade é que os cócteles políticos seméllanse aos de alcohol, teñen que ter un fondo en común. En ambos hai que buscar o equilibrio, como na comida, para que queden ben. Mira que metáfora tan bonita...».

No verán de terceiro de BUP metinme nunha empresa de traballo temporal e estiven montando equipamento no centro penitenciario de A Lama.

¿Votou algunha vez a outro partido?

Claro, porque Podemos é un partido novo. Cotei Esquerda Unida, BNG e tamén PSOE.