«Foi gratificante e voume contenta, non coa despedida, pero son etapas»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

LAURA LÓPEZ

Sostén que o rexeitamento á memoria dos estudos de Deseño e Creación é non apoiar un proxecto

08 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Silvia García González (Cangas, 1973) deixa o seu posto á fronte do decanato da Facultade de Belas Artes de Pontevedra despois de que a xunta de facultade rexeitase a memoria dos estudos do futuro grao en Deseño e Creación. A docente do departamento de Pintura asúmeo como un fracaso persoal e por iso renuncia ao cargo.

-Vostede dimite o xoves, pero a decisión da xunta de facultade foi hai tres semanas. ¿Por que deixou pasar ese tempo?

-Porque había cousas importantes por resolver que aprobamos o xoves, que eran os tribunais do traballo fin de grao e de máster dos estudantes. Mando formalmente a carta coa miña dimisión ao reitor, pero teño que esperar a súa resposta, que pode ser que siga en funcións ata as eleccións. Esperei estas tres semanas tamén porque por un proxecto europeo estiven en Brasil. Presenteina cando menos estorbaba no funcionamento.

-¿Tivo resposta do reitor?

-Non, aínda non. Saíu onte [polo xoves] por rexistro.

-Toma a decisión despois de que se rexeite a memoria dos estudos de Deseño e Creación...

-A memoria da nova titulación é, no fondo, todo. O documento que recolle o plan de estudos, as materias, as competencias que teñen que desenvolver os estudantes. É un documento que ten que ir a Madrid para ser aprobado formalmente por unha axencia exterior á Universidade, que lle dá o visto bo aos títulos novos e ás modificacións. Nós pediramos un aprazamento o ano pasado para presentar esta memoria para ter un ano máis para ter unha memoria traballada e non facela ás présas. O rexeitamento da memoria é no fondo non apoiar un proxecto. Como decana, xa cando me presentei á reelección, un dos meus obxectivos era ter en conta a implicación social da facultade e non pensar como unha burbulla académica. Esta nova titulación sabemos que ten unha ampla demanda social, eu estaba recibindo correos de estudantes de bacharelato preguntando pola carreira e, polo tanto, a non aprobación da memoria foi determinante.

-¿Contaba con esa decisión da xunta de facultade, dos seus compañeiros, en definitiva?

-Na votación saíu o non por 29 votos a 22. Non é unha ampla maioría en contra. Non o esperaba porque nós estivemos traballando ata o último momento, pero tamén me din conta de que hai persoas que non só están votando por unha cuestión concreta, senón que se ven sobrepasados por unha cuestión burocrática de traballo e percibían unha nova carreira como carga extra na que non ían ter apoio. Non todos os que votaron en contra o fixeron porque tiveran algo en contra de memoria senón por cuestións prácticas de se non collían na facultade...

-Deseño e Creación vaise implantar no curso 2020/2021. ¿Será nunha nova facultade ou en Belas Artes?

-Non sabemos. Pode ser noutro centro. Para nós é moi positivo que o Reitorado tome as riendas porque nós estamos convencidos de que é unha carreira estratéxica para a cidade e para o campus, que é un campus de especialización que se chama Campus Crea. Crear unha nova facultade é posible e é a opción mellor neste caso. É unha carreira que a diferenza de Aeroespacial ou Biomédica non necesita uns requisitos materiais enormes, e que naza cunha facultade nova aínda que estea dentro doutro centro do campus é algo positivo.

-¿Na actual facultade non hai espazo para Deseño e Creación?

-Era o que se estaba argumentando, pero non estamos moi de acordo. Falamos de 45 alumnos no primeiro curso. Poderiamos negociar que algunha das aulas estiveran noutros centros... Eu, en concreto, que son da segunda promoción de Belas Artes, recordo que empezamos no antigo Fogar Provincial antes de vir ao cuartel e non existían talleres. A precariedade xa existía hai 25 anos.

-¿Que vai pasar agora porque os cargos de xestión non soen ter moitas noivas?

-O lóxico é que convoquemos eleccións e que en setembro se poida presentar un equipo. Non podemos saber o que vai pasar. Estatisticamente sabemos na universidade que os cargos de xestión son moi difíciles de asumir. O habitual é que non haxa xente, cada vez a burocracia, as plataformas... os profesores teñen a percepción e os que estamos no decanato tamén, de que cada vez o incremento de traballo é maior e o recoñecemento non compensa. Ao final o reitor terá que nomear a alguén se non se presenta ninguén.

-¿Con que sensacións marcha como decana? Leva desde finais do 2015 e foi a primeira muller...

-O recoñecemento a nosa facultade é algo real, temos colaboracións estables con entidades, co Sergas... Foi gratificante e voume contenta. Non coa despedida, claro, aínda que son etapas.