«No Museo do Pobo Galego apareceu un número grande de libros de tipo erótico»

O Arquivo Provincial acolle ata o 7 de xuño unha exposición con fondos de literatura erótica do museo compostelán


Pontevedra / La Voz

Cando decidiron organizar a mostra BibliotequEros, que reúne parte da literatura erótica dos fondos bibliográficos do Museo do Pobo Galego, sorprendeulles a cantidade e a calidade destas obras: «A verdade é que é un aspecto recorrente dende que empecei no 2016 a traballar neste proxecto que cando falamos das coleccións de libros eróticos do Museo do Pobo Galego haxa un efecto sorpresa. Pasounos o mesmo porque non esperábamos que houbese tanta cantidade, nin que houbese o que hai», confesa Santiago Díaz, comisario xunto a Rosa Méndez, desta mostra que recala dende onte no Arquivo Provincial.

-¿Cal é a orixe destes libros?

-Moitos son libros de procedencia francesa, pero outros son edicións numeradas ou de tiraxes moi limitadas que non son fáciles de encontrar. Isto tivo un efecto sorpresa, pero tamén tivo un efecto de desafío. É un material moi diverso.

-¿Como xurdiu a exposición?

-Xurde do proceso de catalogación de fondos do Museo do Pobo Galego que foron chegando a esta institución a través de doazóns de membros do seu padroado e de herdeiros que foron regalando, para entendernos, as súas bibliotecas para que se conservasen nun lugar onde puidesen manterse unidas e darse a coñecer. Neste proceso apareceu un número grande de obras de tipo erótico nun sentido moi amplo. Non é so o que hoxe chamaríamos pornografía, senón que son obras de tema erótico, de tema sexual ás que lle fomos dando un discurso, un fío condutor coa idea de dalas a coñecer. Decatámonos que o volume de libros a mostrar era alto.

-Imaxino que, ademais de ser un recorrido pola literatura erótica, é un expoñente de como evolucionou a visión que ten a sociedade do erotismo.

-Efectivamente. Parte do efecto que ten esta mostra é o de facernos conscientes de que hai determinadas cousas que temos interiorizadas nos, que somos dunha época moi moderna, case liberada, que tamén están presentes en culturas moi distantes no tempo, como a cultura grega ou a romana. E ás veces tamén esta representada de forma moi cruda, moi desvergonzada, na literatura, por exemplo, do séxulo XVII ou do XVIII e, ás veces, dunha época anterior. Outro dos retos que tíñamos era o de ser sensibles a estas diferenzas. Non todo o que nos consideramos erótico estaba e non todo o que nos devolvía este material nos parecía tan erótico.

-De feito, non fai tanto tempo era polémico que unha muller amosase as pernas en público.

-Si, efectivamente. E ás veces, en formas culturais que non circulaban demasiado, había cousas máis atrevidas e cabe supor que hai formas de cultura popular que se perderon co paso do tempo, que non quedaron fixadas en ningún soporte físico, que, ao mellor, presentaban estas realidades máis directamente do que nos cremos. Pensamos que so estamos afeitos a ver segundo que cousas, pero, en ocasións, descubrir espectáculos do pasado é sorprendente.

-¿Que obra destacaría?

-Unha vitrina en particular, unha vitrina sobre La Bella Otero. Preséntanos distintas imaxes desta muller que fascinou a media Europa, que foi bailarina, artista de variedades e realizou outras actividades relacionadas coas artes escénicas e que, sen embargo, nunca chegou a darse a ver, nin sequera descuberta de roupa... Non é que non se espise nunca, é que nunca se exhibiu como icono nu. Era puramente suxerinte. E tamén outra vitrina que recolle os libros da colección da Biblioteca para raros y curiosos de Joaquín López Barbadillo, que era un editor andaluz afincado en Madrid de principios do século XX que fixo unha auténtica colección de literatura erótica en castelán a base de traducións, en edicións moi coidadas e de tiraxe moi limitada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«No Museo do Pobo Galego apareceu un número grande de libros de tipo erótico»