«A marcha de Ence suporía abandono do monte e menos rendas no rural»

O sector forestal cre que o peche da fábrica de Lourizán aumentaría os custos de explotación da madeira galega


pontevedra / la voz

O futuro de Ence está pendente das resolucións xudiciais na Audiencia Nacional, mentres o conflito social e político continúa. A postura do Goberno central a favor da anulación da concesión da prórroga parece inamovible e a empresa e os traballadores insisten en que non hai outra localización viable en Galicia.

-Como viven desde unha asociación como Asefoga o que está pasando arredor de Ence?

-Nós temos a mesma preocupación, como organización do rural, que se nos preguntaran que nos parecería se pechara a principal empresa láctea de Galicia ou a principal empresa cárnica ou a maior adega, que sería sen dúbida unha mala noticia para o rural. No caso da maior empresa forestal, pois estamos no mesmo escenario. O noso modelo como organización é que temos que ter empresas potentes no sector forestal, capaces de vender ben os seus produtos no mercado internacional cun valor engadido e preferentemente con capacidade de I+D, de innovar, e que cumpran todas as normativas ambientais. Iso permítelles ter bos prezos nos seus produtos e a nós tamén nos repercute á hora de ter bo prezo na materia prima, que é do que se trata. O modelo ten que ser que a materia prima se debe transformar maioritariamente en Galicia para darlle aquí un valor engadido.

-Fálase moito estes días dun baile de cifras, por parte da empresa e traballadores, por parte dos partidos políticos e os colectivos que a queren fóra. Que supón para vostedes Ence?

-Supón o maior comprador de madeira de Galicia. Certamente está especializado na compra de eucalipto porque é a materia prima que utilizan no seu proceso fabril. Se Ence se vai temos moi claro que desaparece un grande operador, que é o máis próximo e, ao selo, é o que pode ofrecer mellor prezo pola materia prima. Hai que recordar que a madeira é sempre un produto que viaxa moi mal. Un tráiler de madeira son uns 600 euros de valor, de madeira bruta, sen transformar. E iso, a pouco que despraces un camión, co combustible, dispárase o gasto. A madeira é un material que viaxa moi mal, que é moi sensible á distancia. Está clarísimo que sen Ence nós imos ter perda de prezo, e polo tanto de renda, e ese valor que cae fará que moitos terreos e explotacións que agora están no umbral da rendibilidade pasen a estar por debaixo porque terán un prezo inferior. Iso vai repercutir no seu abandono. Eu resumiría que a marcha de Ence suporía menos rendas para os propietarios forestais de Galicia, sobre todo nas provincias de Pontevedra e o sur de Coruña, e tamén no norte de Portugal, e vai causar máis abandono do monte.

-Cando escoita a algúns partidos que se opoñen a Ence, falando de medidas para protexer o rural, como o valora?

-Cando menos é contraditorio, porque o rural necesita que os seus produtos teñan valor. Se resulta que pechamos empresas lácteas ou cárnicas, ou adegas, que funcionan ben por cuestións alleas ao mercado, sen dúbida iso ten unha repercusión. Nós cremos que ten que haber proxectos en positivo na política, de crear riqueza e emprego, e tamén industria asociada ao que producimos no rural. Non poden ser proxectos en negativo de a ver que pechamos. Se alguén ten algunha proposta mellor para o monte, pódeo facer mañá mesmo sen necesidade de destruír o que está xa en marcha.

-Hai quen pensa que hai alternativa ao eucalipto porque fai mal en Galicia. Como valora a mala imaxe do eucalipto?

-Nós temos concepción de que o eucalipto é unha especie máis, que agora mesmo está xerando máis da metade dos ingresos dos propietarios forestais galegos. Estamos falando duns 180 millóns de euros ao ano de valor que entra nas familias do rural e nas comunidades de montes. A maioría son propietarios particulares con poucas hectáreas. A venda de eucalipto está moi socializada en Galicia. O sector do piñeiro está en crise, desde que foi a da construción. O que haberá que loitar é para que sexa rendible. As frondosas, carballos e castiñeiros, ocupan a terceira parte do monte arborado de Galicia, basicamente en Ourense e no interior de Lugo, pero producen apenas o 5 % do valor da madeira. ¿Que quere dicir isto? Que temos un reto enorme en como damos valor a esas frondosas, pero que haxa que traballar niso non quere dicir que haxa que destruír a cadea do eucalipto. É unha visión maniquea que non compartimos en absoluto. Iso si, o eucalipto ten que cumprir a lei. Non se pode plantar en terras agrarias nin en espazos naturais. Iso xa está na lei e haino que cumprir, e a partir de aí hai sitio para todo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«A marcha de Ence suporía abandono do monte e menos rendas no rural»