Ocorreu en 1989: A primeira sentenza en galego da Audiencia

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

LAURA LÓPEZ

Hoxe é bastante común encontrarse con sentenzas e resolucións xudiciais en galego, pero o certo é que non foi ata hai tres décadas que o principal órgano xudicial de Pontevedra empregou esta lingua

16 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi cualificado como un feito histórico pola prensa da época. Por primeira vez na súa historia e máis de cen anos despois de que se creará por un real decreto, a Audiencia Provincial de Pontevedra emitiu a súa primeira sentenza en galego. Hoxe está totalmente normalizado o uso desta idioma na Xustiza, aínda que é certo que seguen a ser unha minoría os xuíces, maxistrados, letrados da Administración de Xustiza, avogados e fiscais que a empregan no ámbito do seu labor profesional. En todo caso, «cada vez son máis os que a empregan», apuntaba onte o presidente da Audiencia, Francisco Javier Menéndez Estébanez ao coñecer esta efeméride.

O máximo representante da Xustiza a nivel provincial e titular da sección primeira, a mesma sala responsable daquela sentenza pioneira, remarcaba, en este sentido, que o xudicial, «está integrado e forma parte da cultura galega, coma calquera outro idioma técnico». Na actualidade, a Audiencia de Pontevedra dispón dun servizo de tradución especializado que tamén se encarga de corrixir as resolucións.

Pero isto é o presente. Fai apenas tres décadas a realidade era moi diferente. Así, para chegar a emitir aquela primeira resolución en galego foi preciso organizar un curso formativo, tanto a nivel de iniciación como de perfeccionamento, no que tomaron parte medio centenar de funcionarios deste organismo xudicial. «Persoalmente, asistín ao cursillo de perfeccionamento que dirixiu o profesor Xesús López Fernández, que non so nos ensinou lingua galega, senón que nos ensinou a querela, estimala e amala», recordaba fai trinta anos quen era daquela o presidente da Audiencia, Félix Rodríguez García, quen, iso si, expresouse publicamente en castelán: «Quería pedirlles perdón por non pronunciar estas palabras en lingua galega. Son castelán e o meu galego non resultaría convincente, nin fluído, sen embargo, todo se andará».

Curiosamente, aquel primeiro fallo o emitiu a sala que presidía este último, polo que foi o propio Rodríguez García o encargalo de darlle lectura. O protagonista da mesma: un mozo veciño de Vigo, que tiña 21 anos e de quen se di que era solteiro, instruído e, de profesión, estudante. O seu delito: un roubo con forza na discoteca Puente Samil, situada, como non podería ser doutra forma, neste entorno do termo municipal olívico.

O tribunal considerou acreditado entón que, tras acceder ao interior do local a través dunha fiestra, o sospeitoso fíxose con diversos compoñentes de equipos musicais, así como con trinta discos, un botín valorado no seu conxunto en 250.000 pesetas -algo máis de 1.500 euros ao cambio actual-. Durante a investigación do roubo, todos estes efectos foron, posteriormente, localizados na casa do acusado, polo que puideron ser reintegrados polas forzas da orde ao seu lexítimo propietario.

Tanto a Fiscalía como a defensa recoñeceron a autoría do encausado, pero diferiron na pena que se tiña que impor. Mentres esta última instaba unha condena de seis meses, o ministerio público a elevaba ao ano de prisión menor e o pago dunha indemnización de trescentos euros de hoxe. Finalmente, o tribunal adoptou as teses da defensa e castigou ao mozo con seis meses e un día de cárcere, ao tempo que o declaraba insolvente.

Na lectura daquela sentenza estiveron presentes, ademais de Felíx Rodríguez; o delegado provincial de Política Lingüística, Maximino Vicente Terceiro; os docentes que impartiron o curso, Xesús López Fernández e Xulio Ayán Vázquez; e a por entonces secretaria xudicial, María Jesús Prieto Toranzo.

Trinta nos despois Prieto Toranzo continúa adscrita á Audiencia de Pontevedra, pero xa non se ocupa de temas penais, senón que está nunha das seccións de civil e xa non é secretaria xudicial despois de que unha recente reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial pasara a definir este corpo como letrados da Administración de Xustiza. Mentras que maxistrados como José Juan Barreiro, Miguel Aramburu o Xermán Varela adoitan empregar o galego en Pontevedra en toda clase de resolucións, xa sexa como maxistrados da Audiencia ou dende un Xulgado do Penal ou de Instrución, respectivamente.

Iniciativas reivindicativas

Á hora de abordar a implantación do galego nesta Administración, hai que aludir o labor que está a desenvolver a Irmandade Xurídica Galega nos distintos partidos xudiciais da comunidade autónoma. Así, nos últimos meses, e coa colaboración dos gobernos locais de toda cor política, está impulsando toda clase de homenaxes e recoñecementos aos maxistrados que foron pioneiros en cada partido xudicial á hora de empregar o galego nas súas resolucións.