«Son optimista co futuro da flora do Parque Nacional Illas Atlánticas»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

LAURA LÓPEZ

O experto destacou que nas illas hai oito especies ameazas, seis en risco de extinción

10 abr 2019 . Actualizado a las 10:08 h.

Na segunda sesión das Xornadas de Forestais, Asier Rodríguez, da firma eNeBaDa, abordou onte os traballos feitos no Parque Nacional das Illas Atlánticas «o seguimento da flora ameazada». Son oito as especies e subespecies nesta situación, das cales seis están en risco de extinción e dúas que son vulnerables.

-¿Cal foi a conclusión que sacaron deste estudo?

-Depende da especie. Hai algunha que podería ter desaparecido porque eran poboacións moi pequenas distribuídas esporadicamente. Hai un pouco de todo. Hai especies que están en boas condicións, outras que están ben, pero aínda son vulnerables porque son poboacións pequenas...

-¿Cal podería ser a planta que está nunha situación máis crítica?

-É que hai especies que teñen unha situación moi boa nunhas illas e noutras teñen unha situación complicada. Sería o caso do Erodium maritimum ou da Linaria arenaria, pero, quizais, a especie que no conxunto do parque podería ser máis vulnerable é o Chaetopogon fasciculatus subespecie prostratus. É unha gramínea moi pequeniña da que so hai dúas poboacións. Son moi pequenas, e por iso son vulnerables.

-¿En que pode influír a presión humana nesta flora?

-É complicado determinalo. Nalgún caso sospeitase que pode supor unha ameaza, pero hai máis factores, algúns de orixe humano, pero outros son intrínsecos ou mesmo naturais. Temos o caso da Rumex rupestris, que aparece en pequenos núcleos da costa e, polo tanto, está moi exposta aos temporais. É a súa situación natural. Nestes casos é importante ter moitos núcleos que equilibren os efectos meteorolóxicos.

-¿Como se podería acadar esta situación ideal?

-Depende moito de cada especie. Hai plantas, incluso, que esta inestabilidade lles ven ben. No caso daquelas asociadas as dunas, pasa pola conservación destas. Son hábitats moi sensibles e normalmente están moi afectados, xa sexa por plantacións de piñeiros como pola presenza humana.

-¿Como percibe o futuro?

-Son optimista. Non detectamos ningún proceso de declive xeneralizado no parque. Pode haber problemas con plantas concretas. Hai que seguir vixiando.