Compromiso social e vital por enriba do rock

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

02 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A portada é xa toda unha declaración de intencións, onde unha guitarra convertese nun fusil que, en lugar de disparar proxectís, dispara versos e estrofas. Con Rabia ao silencio, Sés pon de manifesto que temas que nalgúns casos teñen máis de cen anos de historia teñen na actualidade máis vixencia que nunca. Hai están os grileiros, que abre o sexto traballo discográfico da coruñesa, que no Brasil de finais do século XIX elaboraban actas de propiedade falsas para quedarse coas terras, ou a letra de Serei curiosa, onde reinterpreta un texto de Mario Benedetti sobre a indiferenza e a impunidade do poder político cara as clases máis baixas.

Con Rabia ao silencio, Sés abandona a súa vertente más roqueira, pero non por elo deixa de ser combativa e comprometida. Algo que quedou perfectamente palpable no concerto co que inaugurou As Matinés do Principal e que aproveitou para presentar este sexto traballo discográfico en Pontevedra. Foi unha actuación onde mostrou a forza da súa voz e a potencia duns temas que ela mesma traduciu ao galego e adaptou, e na que estivo acompañada por Tito Calviño e Sabela Galbán.

Non deu lugar á concesión, toda vez que apenas botou unha mirada as cancións de discos anteriores. Romance da bela rosa e Tempestades de sal foron algunha das excepcións dun espectáculo intimista idóneo para teatros e locais pechados, pero que deixa a incógnita de como funcionará ao ar libre.

Combativa á hora de denunciar o rexurdimento de políticos que criminalizan ao inmigrante, que socavan o estado de dereito e tratan de frear e, incluso, facer retroceder os dereitos conqueridos polas mulleres nas últimas décadas. Pero tamén crítica con aqueles que dalgunha maneira mitificaron a emigración galega esquecendo o dano irreparable que produciu na sociedade, que separou familias e que, en pleno século XXI, estase de novo a producir. Un exilio económico polo que, como dicía Castelao nunha das súas máis icónicas viñetas, «o galego non protesta, emigra».