«A rabia ao silencio é esa falacia de que a cultura ten que ser baleira»

PONTEVEDRA

CEDIDA

A coruñesa inaugura este sábado unha nova edición de As Matinés do Teatro Principal cun novo traballo discográfico

26 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

María Xosé Silvar, Sés, será a encargada este sábado de inaugurar unha nova edición do ciclo de concertos de As Matinés no Teatro Principal. E farao cun novo traballo discográfico, Rabia ao silencio, debaixo do brazo. «Máis que escoitar, pretendo facer vivir un achegamento ao que é a música testemuñal», remarca ao outro lado da liña telefónica.

-Doce e media do mediodía, un horario pouco usual para un concerto?

-Si, é un horario un pouco raro, pero é unha iniciativa interesante que permite achegar a cultura a persoas que só poden acceder neste horario; é máis para xente nova ou, incluso, rapaces.

-E iso, o feito de que a presenza de rapaces de curta idade entre o público poida ser maior que nun concerto nocturno, inflúe no repertorio?

-Non. Eu con 5 anos escoitaba o mesmo que escoito agora. Penso que é importante tratalos igual que ao resto.

-O novo traballo toma o nome dun tema de Atahualpa Yupanki.

-A rabia ao silencio é esa falacia de que a cultura ten que ser baleira e non dicir nada. Non contar a realidade do que está pasando paréceme covardía.

-No disco aparecen nomes propios como os de Mario Benedetti, Mejía Godoy, Zeca Afonso... Que significaron todos estes creadores e artistas para vostede?

-Forman parte dunha longa lista de persoas que me ensinaron a pensar.

-No momento no que anunciaron que o novo traballo, o sexto da súa carreira, sería unha recompilación de temas adaptados doutros artistas, temín o peor. Todo quedou esquecido cando escoitei as cancións e comprobei que as levara ao seu terreo, reinterpretáraas e fixéraas súas...

-Non sei. Iso creo que é algo que ten que dicir o público. En todo caso, esa foi a intención dende o principio, que as cancións non soasen nin lingüística nin esteticamente incómodas, ortopédicas, senón que estivesen completamente integradas tanto na lingua como na miña faceta musical. Esa foi a lectura dende o minuto un. Se pensara que non ía ser así, non o tería feito.

-Nos agradecementos dedica unha mención especial a Fuxan os Ventos.

-Creo que foi o grupo que máis conectou coa realidade do noso país, do que máis músicos saíron en toda a amplitude da palabra. Máis que músicos, cantores. Seguen sendo os cantores máis grandes que deu este país.

-De feito, vostede defínese como cantora antes que cantante ou cantautora, non?

-Ben, cantautora non é un termo co que non me identifique. Paréceme máis similar a cantora. O que non son é cantante. Podo ser cantareira ou cantora, pero non cantante, porque o tomo como outra cousa. Para min, un cantante é alguén para o que prima a voz, o instrumento vocal, e eu non son iso.

-En «Rabia ao silencio» ocúpase tamén da tradución e adaptación dos textos, á parte da música. Isto incrementou a dificultade de sacar adiante este disco?

-Non. Forma parte da miña preparación académica.