Ilustradores portugueses prenden a chama da Revolución

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

O Museo alberga unha exposición no marco do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

23 mar 2019 . Actualizado a las 20:46 h.

Aínda que a inauguración da vinte edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é este sábado ao mediodía, onte os ilustradores lusos prenderon xa a chama da Revolución, temática sobre a que se vertebrará este ano a cita cultural. Dende este venres e ata o 12 de abril, 38 creadores de Portugal protagonizan unha exposición no Edificio Sarmiento do Museo Provincial.

Baixo o nome de Motim. Movimento de ilustraçao portuguesa móstranse traballos que buscan romper co establecido no marco da ilustración, resaltou a comisaria da mostra. Mafalda Milhões apuntou que «a nosa maior evocación é para os pequenos detalles. Se estamos atentos, non imos ver unha revolución na ilustración, senón millares de pequenas revolucións».

Milhões matizou que «o que nos moveu non era ter ilustracións sobre as revolucións portuguesas ou internacionais, como foi a do 25 de abril -data da Revolución dos Cravos-». En todo caso, evocou esta data para resaltar que celebrar en Pontevedra el mes abril, «un mes tan querido para nós, tan vermello, tan activo é un privilexio e unha revolución. Celebramos a liberdade dos creadores e que esta liberdade se espalle na lectura, na interpretación, na creación».

Entre as distintas obras expostas, atópanse as galardoadas no Prémio Nacional de Ilustraçao 2018 de Portugal. Madalena Matoso alzouse con este premio na súa 22 edición, mentres que as mencións especiais recaeron en Abigail Ascenso e Joana Estrela.

«Que veñan ao museo os ilustradores portuguesas é unha maneira de achegarnos a Portugal, a esa cultura lusófona da que tanto bebemos os galegos», precisou Xosé Leal, deputado de Cultura. Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, remarcou que «nada mellor que un motim para entender o que é a revolución. Das revoltas, moitas veces, saen cousas moi interesantes».

Obradoiro gastronómico

Tralo acto de inauguración oficial do Salón Internacional, Raquel Queizás e a brasileira Benito Prieto encheran o Pazo da Cultura con contos revolucionarios dunha beira e outa do Atlántico, mentres que, xa pola tarde, Amelia Andrade dirixirá un obradoiro gastronómico para nenos de 4 a 8 anos centrado nos petiscos do Brasil. Entre outras actividades, o ilustrador André Neves manterá un encontro con rapaces de sete anos en adiante ao tempo que Roger Mello, galardoado co Premio Andersen, dirixirá unha masteclass de ilustración.

Este sábado o Salón terá continuidade en Noites Abertas cunha sesión de cociña lusófona no colexio Froebel.