«O repertorio de petróglifos galegos é o máis rico da arte rupestre de Europa»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Os gravados prehistóricos das Rías Baixas son o aportación cultural máis singular de Galicia ao mundo

17 feb 2019 . Actualizado a las 08:00 h.

Buenaventura Aparicio é un dos mellores coñecedores dos petróglifos galegos e un entusiasta da súa divulgación ao gran público.

-¿Por que son tan importantes?

-Son os elementos patrimoniais que teñen máis carga identitaria con nós. Son os elementos culturais de Galicia que teñen máis singularidade e maior carga diferencial dentro do noso patrimonio. Castros témolos en Galicia, pero tamén hainos celtibéricos. Cando chegas aí ao borde de Zamora atopas xa na toponimia castro de tal ou de cal. Aparte de diferenzas como a clase de cerámica, os seus castros teñen moitos elementos semellantes aos nosos. Túmulos megalíticos, témolos no País Vasco e en moitos sitios máis. O repertorio petróglifo de Galicia é moi diferente do resto do arco atlántico europeo. En Galicia, aparte do compoñente xeométrico, refírome aos círculos, as espirais e todas esas cousas, temos un repertorio figurativo de formas zoomorfas, de serpes ou os ídolos que non existe no resto de Europa. Eu penso que das 1.500 pedras que polo menos están xa catalogadas dentro de Galicia son o repertorio máis rico da arte rupestre de toda Europa.

-¿De que época estamos a falar?

-Algúns elementos xeométricos, por exemplo as espirais, a combinacións circulares, a cazoletas e incluso a algún cervo aparecen xa nos túmulos megalíticos, gravados nas lousas. Polo tanto estamos a falar dos máis antigos nunha orixe no Neolítico, podería estar incluso no 3.500 ou 4.000 antes de Cristo. O groso, o grupo que máis nos define, está na transición do terceiro milenio ao segundo antes de Cristo, aí está o gran bloque dos petróglifos galegos. Despois hai outros que seguen no Bronce, e uns teóricos, non moitos, defenden que algúns, como por exemplo os que teñen círculos con cruces inscritas, poderían ser da Idade do Ferro, da época dos castros, pero isto xa é unha opinión minoritaria e que só se podería aplicar a certos elementos da arte rupestre.

-Cando alguén sen coñecementos desta arte se achega a estes conxuntos, ¿en que ten que fixarse?

-Non é o mesmo os grandes paneis que conteñen escenas, un conxunto de figuras relacionadas e que están emitindo unha mensaxe conxunta que nos que hai so elementos aillados. Por exemplo, a Laxe das Lebres, en Poio. Hai 42 figuras de cérvidos, e son moi chamativas, están no período da brama, da berrea, e hai escenas dentro delas que son de ulisqueo de xenitais, os famosos dous cervos que están figurado baixo a perspectiva do espello, é dicir, un cos cornos para riba e outro coa figura invertida. Son moi destacadas. Dáste conta de que son escenas que están feitas desde a observación natural. Na comarca había outra cuberta forestal e había cervos e estas representacións están tomadas da experiencia natural. Se vas a Tourón e ves a escena de caza de Naval do Martiño, é impresionante como chega un cazador armado e aborda a unha banda de cervos, hai un que ten xa a frechas ou lanzas cravadas, e ves como se dispersan. ¿Que chama a atención? Que dúas escenas feitas co mínimo de trazos teña unha carga expresiva enorme, e que estean moi ben concibidas, porque o que fixo por exemplo a Pedra das Ferraduras, en Fentáns en Cotobade, ou o Naval do Martiño, ou o Couto de Sombriñas, eran verdadeiros artistas. Sospeitamos que dentro da comunidade os seus autores poderían ser personaxes destacados cun papel sobranceiro dentro do grupo que facía estes petróglifos.

-¿Que debe facer a Administración para protexelos e difundilos?

-A Administración fixo nos últimos anos un esforzo en poñer en valor certas áreas arqueolóxicas, como Tourón, Mogor ou Campo Lameiro. No apartado de divulgación practicamente facémola os particulares, desde un punto de vista de aficionados. Vamos polos colexios e escribimos os libros. Unha gran divulgación de carácter institucional, por exemplo, que fixera uns paneis que estiveran nas estacións ou nos aeroportos, como se fai con outros elementos patrimoniais noutras cidades, non está feito. Non hai unha divulgación nese nivel e o gran público os descoñece. Nós fixemos unha campaña enorme de petición de Patrimonio da Humanidade para os gravados rupestres galegos, o Consello Galego da Cultura e as universidades avalaron e chegou ao Parlamento, pero no debate, o PP non considerou convinte facer esta declaración. Estase a falar desa declaración para as Cíes, pero corren risco de sobrexplotación xa, en cambio os petróglifos están no monte espallados. Penso que hai que divulgar máis e o feito do seu coñecemento vaise derivar do día en que sexan declarados Patrimonio da Humanidade, como xa o están pinturas e gravados de todo norte de España, do Levante e de Portugal. Faltan nada máis que os nosos.

«Houbo xente que dicía que os tesouros dos mouros estaban nos petróglifos»

Como divulgador e defensor dos petróglifos, Aparicio é autor de varios libros sobre este tema.

-¿De que trata o último traballo?

Segredos ao descuberto: Canteiros e buscadores de tesouros nos petróglifos galegos. Neste libro abordo unha faceta que non estaba investigada. O estudo dos petróglifos fíxose desde o punto de vista arqueolóxico. Os investigadores van alí e analizan as figuras, cronoloxía e a cultura que as fixo. Pero hai un aspecto antropolóxico moi importante que estaba afastado. Os petróglifos tiveron unha vixencia, a súa mensaxe estivo presente ata a Idade de Ferro máis ou menos e despois esa semántica que contiñan perdeuse. Os lugares onde estaban seguiron tendo aldeas ao redor, xente que vivía cerca e que ía co gando ao monte e vía esas figuras e emitiron un discurso popular desas figuras, unha interpretación do pobo sobre esas cousas, xente que non tiña coñecementos.

-¿E que resultou?

-Un discurso interesantísimo. Están tamén os canteiros, porque os petróglifos están feitos en granito bo e actuaron dun xeito singular. Nalgúns casos cargáronse os petróglifos e noutros, herdeiros dunha cosmovisión popular que dicía que os fixeran os mouros e tiñan poderes que che podían afectar negativamente, parte salváronse por esa crenza. Outra cousa importante foron os buscadores de tesouros. Galicia, dentro de España, era onde estaban máis enraizado na xente as lendas de tesouros. Entón esta xente dicían que os tesouros dos mouros estaban nos castros, mámoas e gravados, e houbo individuos, no século XIX, que coa dinamita puxeron un cartucho e voaron algúns coa axuda dunha sabia ou dun vidente, que lles dicía usando unha variña onde lles soaba oco, poñían un barreno e así destruíron algúns. Así vese toda unha acción popular que incidiu neles.