O Garaxe Hermético aposta polo colectivismo en «Intraterra»

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Vinte e cinto alumnos da escola de Pontevedra colaboran na súa décima publicación

07 feb 2019 . Actualizado a las 08:00 h.

Tras nove publicacións, O Garaxe Hermético, a escola profesional de banda deseñada de Pontevedra, entendeu que chegara o momento de dar un paso adiante. Deste xeito, en Intraterra, por primeira vez, os vinte e cinco alumnos «utilizan o sistema americano e xaponés de traballar conxuntamente na mesa historia e coa mesma estética», destacaron dende a Deputación. Así, si ata o de agora, «nas anteriores edicións, o libro recollía historias individuais» de cada un dos autores, neste décimo cómic apostase por unha sorte de colectivismo artístico.

Neste punto, Xosé Leal, deputado de Cultura, aludiu ao rol que asume a Administración provincial ao editar esta a obra, a quinta que publica a Deputación, e contribuír «a visibilizar e poñer en valor o talento das persoas que traballan en banda deseñada, un sector no que somos unha potencia a nivel galego e que non sempre se lle dá a importancia que merece». Insistiu en que se trata de «apoio necesario e merecido a todo un esforzo de dignificación e profesionalización da banda deseñada, que esperamos que vaia collendo cada vez máis forza entre as editoriais comerciais, por ser un campo no que cada vez hai máis demanda entre o público».

¿E que relata Intraterra? Pois a historia da comunidade de persoas que residen no Búnker 0018 nunha devastada tundra rusa e como esa sociedade vese conmocionada por un asasinato. A chegada da inspectora Collins desvela a irrealidade do que se presenta como un entorno de prosperidade e paz, de tal xeito que no seu traspondo non é máis que un refuxio para o crime.

Unha oportunidade

O director de O Garaxe Hermético, Kiko da Silva, valorou moi positivamente o feito que a Deputación «lle dea a oportunidade a rapaces que se están formando de ter obra publicada». É algo que, por un lado, «lles permite coñecer e familiarizarse con todo o proceso» da edición literaria, e, por outro, posibilítalles a entrada no mercado profesional con traballos propios xa na rúa.

Lamentou, a falta de axudas para os autores noveis de cómic en Galicia, agás a que prestan a propia Deputación de Pontevedra e a súa homóloga da Coruña. «Para a Xunta e para Agadic nin existimos», engadiu ao respecto.

A presentación de Intraterra será este venres ás oito da tarde no Arquivo Provincial.