Paquita, cen anos de bondade

José Luis Teófilo

PONTEVEDRA

O domingo de Reis despedimos a Paquita, peixeira de Vileixoán

21 ene 2019 . Actualizado a las 12:08 h.

O domingo de Reis despediamos a Paquita, unha peixeira de Vileixoán de brío grande e desánimo pequeno, unha muller de ferro, que se foi sen despedirse, sen facer ruído, como se van os grandes. Unha caída dous días antes anunciaba o adeus dunha muller de cen anos, boa e xenerosa. Estabamos espertando cun día fermoso, despois da noite máis máxica de todas as noites, cando de súpeto apareceume no teléfono a mala noticia. A Paquita, os Reis regaláronlle o descanso eterno, o paso a outro mundo. a unha dimensión diferente, estou seguro que nun lugar privilexiado, como se merecía.

Eu quedara en visitala, cando estiven con ela o día da presentación do plano da ría de Arousa de Domingo Fontán, na que o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, encomiou o seu aspecto centenario. Horas máis tarde vina na verbena, sentada nunha banqueta á beira dunha árbore, observando como bailaba a súa filla. A última vez, un mes despois, na procesión da Virxe do Rosario, cando se recolleu a imaxe. Saín da comitiva na porta da súa casa para achegarme, darlle dous bicos, e dicirlle que pronto pasaría a vela. Pero andamos todos a un ritmo de faíscas no canto de andar acougados e pausados, como dicía Neruda que fan os peixes, e perdemos a oportunidade de que os nosos maiores nos conten as súas historias, que son tamén as nosas Oxalá se atope con todos os seus nese outro mundo, e tamén con todos os nosos. Se fose así, querida Paquita, non te esquezas de dicirlles que os queremos, que os botamos en falta.

Paquita contábame historias dun Pobo Mariñeiro no que as portas sempre estaban abertas. Faloume das calamidades que pasaron naqueles tempos, pero tamén do felices que eran, que cantaban e bailaban. Repetiume que vivían nun pobo unido, no que se axudaban uns aos outros, que eran todos coma irmáns. Con Paquita vaise un pouco de nós, da nosa historia e da nosa vida. Un anaco de Vileixoán. Ata sempre, querida amiga; vante acoller cos brazos abertos. Un bico infinito para ti e para todos os nosos.