Este vernes volven as Noites Abertas

La Voz

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A edición número 20 do programa ofrecerá 96 actividades que congregan a 121 monitores, 21 asociacións e clubes e 18 pemes

24 ene 2019 . Actualizado a las 20:36 h.

Chega unha nova edición de Noites Abertas. E van vinte. Moito se ten andado e aprendido nestas dúas décadas. Se na primeira edición o programa municipal de ocio xuvenil contou cunha oferta de 13 actividades diferentes e a colaboración de 9 asociacións, hoxe propón un programa de 96 actividades (e 234 sesións diferentes), con 161 monitores, un director de actividades, cinco persoas de control de instalacións; dous axentes e un estudante en prácticas de Igualdade; a colaboración de 21 asociacións e clubs deportivos e 18 pemes e emprendedores.

Os datos foron postos enriba da mesa polo concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña (BNG) durante a presentación de Noites Abertas 2019, que terá lugar en 14 espazos diferentes entre o vindeiro venres 25 de xaneiro e o sábado 6 de abril. Un total de 9 fins de semana nas que os mozos e mozas de Pontevedra terán a posibilidade de participar de balde nunha chea de actividades de lecer, musicais, deportivas, colaborativas e formativas e que como non pode ser doutro xeito inclúe novidades.

O abano da oferta é moi amplo, nela atópase dende actividades deportivas (tenis de mesa, fútbol gaélico, quidditch..) até obradoiros de manualidades (crear haikus ilustrados, estampado de camisetas, artesanía en papel…); dende actividades musicais (batería, creación de APPs, música electrónica…) até obradoiros de cociña (orellas de entroido, galletas, comida vegana, comida portuguesa…); dende teatro feminista até programación de videoxogos; gymkana, xogo de tronos, etc.

«O que funciona hai que tocalo o menos posible» indicou o concelleiro de Xuventude quen mantén que vinte anos despois Noites Abertas «continúa co seu espírito de rebeldía». Unha rebeldía que ten entre os seus vimbios a aposta pola igualdade e pola integración e o respecto á diversidade.

Noites Abertas vai dirixido a mozas e mozas de 12 a 30 anos, aínda que hai actividades con idades acoutadas. A aposta pola igualdade está no ADN de Noites, subliñou Alberto Oubiña. Próbao a existencia e pulo da Comisión de Igualdade que tutela a formación en dos monitores -para selo hai que facer un curso de igualdade- e vixía de xeito activo que as actividades programadas non sexan sexistas e que se desenvolven correctamente.

Todas as actividades son de balde aínda que hai actividades con prazas limitadas. Cando a demanda sexa máis que oferta, sortearanse as prazas. Ademais tan só 9 das 96 actividades precisan preinscrición para as que se abrirá un prazo na web de Noites Abertas. Son as seguintes: observación astronómica no observatorio de Cotobade, «Tour Messier»; observación astronómica no miradoiro de Augasantas, Xogos de Tronos (xogo nocturno de estratexia), gymkana programable, noite no camposanto; ruta en kaiak polo Lérez, roteiro polo Gafos, escape book e rastrexo literario.

Toda a información en www.noitesabertas.gal e tamén en Facebook e Instagram.