Ron: «?Eroski Paraíso? quedará como un dos fitos para nós e para o teatro galego»Libro, filme, anuncio publicitario e texto proposto para as probas de ABAU"

Chévere despídese da montaxe despois de tres anos con funcións en Teo, Vigo, Pontevedra e Lugo


O 7 de marzo de 2016 Eroski Paraíso, a primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro, representábase por primeira vez en San Sebastián. Tres anos despois, a compañía despídese do espectáculo en que Álex, unha rapaza que estuda cine en Barcelona, decide facer un documental sobre os seus pais, que se coñeceron na sala Paraíso, agora convertida nun supermercado Eroski. Este venres chega a Vigo, o sábado a Pontevedra, e do 25 ao 27 estará no Auditorio da Ramallosa, en Teo, o fogar de Chévere nos últimos anos. Ese ía ser o remate, pero prorrogouse con funcións en Lugo e Ribadeo en febreiro e o peche o 10 de marzo en Pamplona. «Costa moito despedirse porque funcionou moi ben, a resposta do público ao final da función é moi cálida», explica Xesús Ron, director do espectáculo.

Máis de 120 funcións e 30.000 espectadores falan do éxito da montaxe. «E aínda ten percorrido e a xente quere vela», engade, xa que en Vigo están case esgotadas as entradas e en Pontevedra superan as 500 vendidas. Cifras que para Xesús Ron cobran maior valor tendo en conta que «non é unha comedia nin un espectáculo para que a xente escache da risa, senón que ten tempos lentos e unha interpretación moi naturalista». A iso engádelle que case a metade das funcións se fixeron fóra de Galicia: Madrid, Andalucía, Valencia, País Vasco..., pero tamén en París e Braga. «En Galicia a media é do 80 % do aforo, e fóra foi algo menor, pero acabamos esgotando entradas en Madrid, en Sevilla e Granada», manifesta.

Cal foi a chave do éxito? «O que nos traslada o público é a empatía que se crea cos personaxes e como está contada a historia. Outro dos puntos é que a obra transita por momentos en que se ri moito, outros nos que a xente se emociona e, ao final, saes cun baño de emocións. Aínda que é un pouco amargo, hai un pouso de esperanza», di, engadindo que pese a narrativa complexa é unha peza accesible. «Tivo éxito dende Madrid, onde seguramente era público habitual de teatro, a Mazaricos. Tamén conecta cos adolescentes e xente de máis de 50 anos», sinala.

Ron lembra a incerteza inicial porque «era unha aposta forte» xa que se ía presentar en versión orixinal en todos os lugares. Así, tamén a viron en galego en Andalucía, Madrid... «Rompéronse moitos tabús», afirma. Lembra como en Logroño rexeitaron inicialmente programar o espectáculo e, cando chegaron un ano despois, o director do teatro pediulle desculpas. «Eroski Paraíso quedará como un dos fitos para nós e para o teatro galego», di.

Eroski Paraíso non esmorecerá cando en marzo baixe o pano. O texto escrito por Manuel Cortés foi publicado por Kalandraka. Pero non queda aí: foi elixido como obra de referencia de teatro contemporáneo para a ABAU. «Isto permite chegar a un público adolescente dende o ámbito académico e tamén ten ese recoñecemento de ser unha obra galega o suficientemente representativa para chegar a un exame», destaca Ron.

Este Nadal, a obra protagonizada polos actores Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Cristina Iglesias e Fidel Vázquez, chegou aos fogares como anuncio publicitario, un formato «completamente inesperado» para a compañía pero «unha oportunidade para que o teatro galego entrase na publicidade porque iso permitía achegalo ao público menos habitual».

Pero o percorrido aínda será maior, xa que tamén chegará ao cine. «Facer unha película empezou como unha brincadeira», explica o director da obra. Comezou a tomar forma despois de que o cineasta Jorge Coira asistise a unha función e saíse «entusiasmado». O resultado dese traballo, unha coprodución de Chévere e Ollovivo, poderá verse en febreiro-marzo. «É unha película de autor, moi independente feita con poucos medios, pero que ten moi boa pinta. Moverémola por festivais e buscaremos que polo menos chegue a algunhas salas de Galicia», engade Ron.

«Son cousas realmente bonitas que nos dan moita forza para seguir traballando. Para nós é o espectáculo máis redondo que fixemos», di. Así, explica que supera incluso a Río Bravo, de principios dos 90. «Para nós, Eroski Paraíso si é ter un éxito: de público, de funcións e dos teatros aos que podes ir. Con Eroski Paraíso, o teatro galego chegou a escenarios moi importantes de toda España e deixou unha porta aberta de curiosidade cara o teatro galego», afirma Ron. E, para cando novo espectáculo? O director responde que será de cara a xuño e só desvela que os protagonistas serán Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, pois nestes momentos aínda están traballando no proxecto.

El alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acudió ayer a Lérez para felicitar en su cien cumpleaños a José Pérez Casalderrey.

La plaza de A Peregrina, en Pontevedra, acogió ayer a mediodía una exhibición de habilidades físicas por parte de usuarios del centro Méndez Núñez. El acto se enmarca en las actividades prograadas co motivo del 30 aniversario de este centro, que trata a personas con discapacidad intelectual.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ron: «?Eroski Paraíso? quedará como un dos fitos para nós e para o teatro galego»Libro, filme, anuncio publicitario e texto proposto para as probas de ABAU"