«Meu pai facíalle copas a Cunqueiro»

María Meizoso AS PONTES / LA VOZ

PONTEVEDRA

JOSE PARDO

 Manuel castro Romero, un dos mellores especialistas de toda Europa, recolleu esta semana o Premio Artesanía de Galicia 2018 en recoñecemento a toda a súa traxectoria laboral e o seu bo facer

19 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Procede da máis profunda tradición, enraizada a unha saga familiar de torneiros da madeira. Manuel Castro Romero Lolo (As Pontes, 1948) recibiu esta semana o Premio Artesanía de Galicia en recoñecemento a toda a súa traxectoria. «Antes era unha práctica habitual en Galicia, igual que os cesteiros ou os zoqueiros. A miña familia, como moitas outras, era xente do campo que, como complemento para sacar á familia adiante, utilizaba eses recursos». Castro, ademais de difundir e divulgar os seus coñecementos como torneiro, xestiona xunto a algúns dos seus irmáns o grupo empresarial Severiano. Nel atópase a firma que continúa, «aínda que xa dunha forma máis mecanizada», a súa relación coa madeira, Adera.

-Os seus primeiros recordos ao redor dun torno, ¿cales son?

-Todos porque desde que teño uso de razón teño lembranzas dese tipo. Meu pai, xa de ben pequenos, nos poñía no medio da viruta cando el estaba traballando. Lévoo mamando toda a vida.

-O recoñecemento ao seu traballo chega máis aló das fronteiras galegas e tamén das estatais. Aquí, ¿hai futuro?

- Como profesión desaparecerá por completo porque quedamos moi poucos. Algo se conserva, pero cada vez a cousa vai a menos. En realidade, é unha morte anunciada, sobre todo, porque os usos e as costumes cambian.

-¿Estamos peor en Galicia que no estranxeiro?

-Chámanme bastante para ofrecer demostracións en vivo de torneado en países como Francia ou Inglaterra e alí, sen dúbida, valoran moitísimo máis todo isto. Aquí pasará o de sempre, que a xente non se dará conta do que se perda ata que desapareza.

-Seu avó era torneiro, tamén seu pai. ¿Vostede deixa relevo xeracional?

-Os coñecementos si que os trasladamos porque temos fillos e sobriños, pero é complicado porque nestes tempos os pequenos xa chegan cun ordenador debaixo do brazo. No campo da artesanía pura é complicado que a cousa continúe porque hoxe vívese doutra maneira. Dáme pena, pero tamén son consciente de que as cousas son así.

-Na súa faceta empresarial, desde Adera, traballan a madeira tanto de forma industrial como artesanal.

-A parte industrial está ligada á demanda que teñamos do mercado. Na artesanal, facemos pezas de uso tradicional como viradeiras de tortillas ou nateiras. Neses casos usamos nogueira, arce, freixo ou buxo. Nas decorativas, outras, por exemplo as tropicais. O proceso de elaboración é longo. Vai desde que se elixe a madeira e hai que ter en conta moitos aspectos, como a época de corta. Tamén é curioso que a xeada é o que mellor seca a madeira.

-¿A que sabe un premio a toda unha vida?

-A nada extraordinario. Para min foi unha cousa normal. Sempre se agradece un recoñecemento, pero creo que me tocou a min porque son o que máis anos levo nisto. En realidade, está compartido con todos os que estamos na Asociación Galega de Artesáns (AGA).

-¿Pensou en seu pai?

-Un sempre se lembra de seu pai. O que si penso moitas veces é que gustaríame ter pasado máis tempo con el, aprender aínda máis. Pero son pensamentos que supoño que todo o mundo ten cando lle falta. Foise moi novo, con 66 anos, pero deixounos a súa intelixencia e a súa visión de futuro.

-E tamén moitas anécdotas e curiosas amizadas.

-Pois si. Era moi traballador, ¡con dez fillos imaxina!. Desprazábase para entregar encargos e entre os seus clientes tiña a Álvaro Cunqueiro. Facíalle copas de teixo que lle levabamos ata Mondoñedo.

«A profesión desaparecerá, quedamos moi poucos. É unha morte anunciada»

«O proceso de elaboración dunha peza é longo e o que mellor seca a madeira é a xeada»

«Se agradece un recoñecemento, pero creo que me tocou a min porque son o que máis levo»