A mestriña que naceu no pobo de José Luis Perales e ensinou a amar o galego

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A profesora Pilar Fernández-Herráiz xubilouse este venres no IES Sánchez Cantón deixando unha fonda pegada

15 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O de onte foi un venres cheo de emocións para Pilar Fernández-Herráiz (Cuenca, 1948). Para esta profesora, coñecida polos alumnos como a mestriña, foi o seu último día de clase. Desde que en 1987 chegou ao IES Sánchez Cantón de Pontevedra fixo do ensino do galego unha paixón. ¿E como chegou á cidade esta muller que naceu nun pequeno pobo da provincia de Cuenca? Ela cóntao na biblioteca do centro educativo. Veu ao mundo en Castejón, onde naceu o cantante José Luis Perales, e cando tivo idade marchou a Madrid a estudar Filoloxía Hispánica na Universidade Autónoma. Alí coñeceu ao que despois se convertería no seu marido, Paco Rubio. E foi Paco, como conta Pilar, quen lle descubriu a pegada do noso idioma. El que non adoita falar a lingua de Castelao.

«Escribíame frases en galego e deixábame cintas de Andrés do Barro», desvela. Naqueles tempos Pilar lía en galego e botaba en falta poder estudar esta lingua tamén na facultade. «Tiñamos lingua e literatura catalá e pediron unha profesora a Santiago, pero non foi posible», lembra. Casou con Paco no 74 e naqueles tempos aínda de grises optou por unha tarxeta de invitación para a voda, que tivo lugar en Cuenca, feita en pergameo e en galego. Aínda as garda e mostra orgullosa unha delas. Pilar era amiga dunha filla de Lázaro Carreter e tiña confianza co filólogo e profesor. «Daquela o galego víase coma un dialecto e non coma un idioma e o propio Lázaro Carreter tivo que retractarse».

No 78 había poucos mestres de galego. Pilar recorda que os especialistas de Agal eran cualificados de lusistas e había ata espionaxe por parte dos inspectores. En 1987 chegou ao sería o seu destino definitivo: o IES Sánchez Cantón. Alí fixo piña con Anxo González Guerra, Xosé Manuel Calvo e José Luis Janeiro. Ela era a única muller, pero non tivo ningún problema. Foi impulsora da revista Cartafol no centro, que segue hoxe, e fundadora de Ben veñas maio. Pilar di que chegou ao galego por amor e que o ensinou tamén con amor. A mestriña, alcume que lle puxo unha das súas alumnas, Sonia Fernández-Arruti, hoxe médica e directiva no Chop, para que lle fixera caso, ten claro que papel non debe esquecer un mestre. «Hai que meterse na aula e ver que pode haber alumnos rotos por dentro». Ela, que sempre dá clase de pé, síntese orgullosa dese alcume.

Pilar, que vive enfronte do instituto e seguirá escoitando o timbre, afronta a súa xubilación con moitas ganas. Quere gozar da lectura, de Paco agora que os seus tres fillos son maiores, dos seus cinco netos e poñerse ao día coa informática. Tamén entre os seus obxectivos está actualizar o carné de conducir que ten, pero que non usou. «Agora me apetece», di. O martes ofreceu un pincho de despedida aos seus compañeiros de claustro e onte foron os estudantes os que a sorprenderon a ela. Bágoas de alegría as que provocaron na súa mestriña.