O contador que creou a Martiño e ao seu cochiño

Iván fixo o texto dun libro para nenos, editado pola Deputación, que permite recorrer dende o Paleolítico ata os nosos días a través da historia de Barro; as ilustracións son de Ana Seoane e o guión de Roberto Rivas


pontevedra / la voz

Nesta terra, cada vez que a palabra clan sae a relucir non acostuma ser por cousa boa. Adoita levar aparellado o apelido dalgún narcotraficante deses que, malia o paso do tempo, seguen intentando facer das súas. Pero para todo hai excepcións. E en Barro hóuboa. Presentouse alí esta mesma semana un libro que leva por título O Clan de Martiño. E non, o Martiño en cuestión non se dedica a ningunha cousa mala. O rapaz, como moito, é algo rariño, porque en vez de ter un can ou un gato como mascota dáselle por pasear un cocho. Si, si, un porquiño. Martiño, en realidade, é un dos protagonistas dun libro feito entre Roberto Rivas -guión-, Ana Seoane -ilustracións- e Iván Bello -textos- no que se conta a historia de Barro pensando no público infantil. En menos de corenta páxinas -nun libro editado pola Deputación de Pontevedra-, os nenos, os de Barro e os de todo o mundo, poden viaxar dende o Paleolítico á actualidade da man de Martiño e familia. Iván fala do que hai detrás da historia de Martiño. E da del mesmo.

Conta Iván que todo empezou hai uns catro anos. Roberto, concelleiro de Cultura de Barro, tiña na cabeza facer un conto para nenos coa historia do municipio. Comezaron daquela a barallar ideas. Pasou o tempo, cambiaron esas ideas. Volvéronas afinar. Xuntaron esforzos coa ilustradora Ana Seoane e pouco a pouco, tras un parto longo pero sen dor, veu ao mundo Martiño, que primeiro é nómade e aprende de súa nai, María, a recoller froita, e de seu pai, Breixo, a cazar. Logo faise sedentario, vive a época castrexa e pasa tamén pola etapa da romanización. O libro engade nese punto un chiste que, seguramente, só entenderán os que naceron en Barro. Nun momento dado hai un personaxe que di algo así como «déixate de tanta romanización que aínda che van construír unha capela nun castro». Refírese á polémica capela de Monte da Chan, ergueita nun monte debaixo do que hai un castro e onde amais, no seu día, atopouse o busto dun guerreiro castrexo. «Si, queriamos que houbera algún chiste, algo de humor», ri Iván Bello.

O Martiño que o inspirou

Conta Iván que non foi fácil resumir 10.000 anos de historia en tan poucas páxinas. E, sobre todo, non foi doado atopar o ton para dirixirse aos nenos. Afortunadamente Iván, aínda que non ten fillos, si pasa moitas tardes entre nenos. É habitual que os seus compañeiros de xogos sexan, precisamente, un neno chamado Martiño, sobriño seu, e a súa irmá Aroa. Con eles foi probando a ver se lles interesaba a historia. E pouco a pouco o texto foi saíndo só. Gustoulle especialmente a Iván argallar o texto para falar da escola do Mestre Mateo. Como o fixo? Pois convertendo a Mamede, tío do protagonista da historia, nun artista. E todo iso foino conectando coa verdadeira historia das distintas parroquias de Barro.

A Iván chegoulle o seu primeiro libro con 26 anos. E que máis fai ademais de escribir? Pois Iván, natural de Barro, estudou Filoloxía Galega e, tras pasar por varios oficios, entre eles a hostalaría, comezou a traballar na Federación Rural Galega. Faino dende unha oficina que ten a entidade en Lérez e encárgase sobre todo de facer trámites coas bodegas e produtores que queren sumarse á Identificación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo. Di que a IXP está levantando bastante expectación: «Si que están vindo produtores a informarse, sobre todo para saber ben o que é unha IXP e o que implica. Temos un convenio coa Asociación Galega de Viticultura e coa Deputación para informalos e asesoralos na produción».

Máis aló do plano laboral, Iván tamén se move nalgúns eidos culturais, deportivas e políticas. Hai anos, por exemplo, foi presidente da Asociación Cultural Barosa, á que chegou para intentar que o seu municipio tivese «movemento». Foi estando el de presidente cando o colectivo logrou doarlle ao Concello máis de dous mil libros e cerca de 400 deuvedés para incrementar os fondos da biblioteca municipal. Igualmente, Iván xogou ao fútbol no equipo local durante algúns anos e agora está centrado tanto no traballo coma no plano político, xa que é responsable local do BNG. Non fixo máis ca 26 anos pero xa pasou por unha desas cousas que din que hai que facer antes de morrer: escribir un libro. Martiño e o seu cochiño son as súas criaturas. Viviron 10.000 anos. E son inmortais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

O contador que creou a Martiño e ao seu cochiño