A esperanza que permanece

Pepa Vázquez

PONTEVEDRA

21 oct 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

O mellor pasaporte que podemos ter é o de seres humanos. Estas palabras de Brisa Fenoy lémbranos que cando a xustiza e as institucións nos abandonan sempre nos quedan os artistas. Somos ben conscientes de que todo migra. Produtos dos cinco continentes están nas nosas mesas. Os capitais, os furacáns e o cambio climático tamén migran, pero cando se trata das persoas hai unha parte de nós e das políticas internacionais que nos di que é perigoso. Si, dinnos que é perigoso.

Preguntarnos por qué e para qué sentimos e pensamos iso de que os movementos migratorios son perigosos é un exercicio de responsabilidade. As respostas poden ser moi complexas: xenofobia, sostenebilidade económica... ou moi sinxelas. Vivir no capitalismo produce malestar nas persoas e no planeta. Todo para que o 80% da riqueza a siga gozando e estragando o 20% da poboación mentres o resto malvive e sufre a violencia nas súas múltiples formas.

En Pontevedra somos 80.000 cidadáns, nos que se atopan persoas de máis de oitenta nacionalidades que pagan impostos e nos dan riqueza cultural. Ser diferentes fainos felices. Séntense ben tratados pola veciñanza, non polas institucións que obedecen esa política internacional que nos leva a autodestrucción.

Xa o dixo Gandhi con palabras ben clarificadoras: «Na terra hai suficiente para satisfacer as necesidades de todos, pero non para satisfacer a avaricia de algúns». E cando unha lei é inxusta é xusto desobedecela. Grazas, migrantes valentes, os que se van e os que veñen, fan que a esperanza permaneza.