O vicedecano encantado de volver a bolseiro na California State University

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MONICA IRAGO

Rey inicia tres meses de investigador nun dos máis prestixiosos departamentos de ciencias físicas e do deporte do planeta

30 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os alumnos de Ezequiel Rey Eiras (O Grove, 18 de setembro de 1981) na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo non volverán ver o seu vicedecano de sistema de calidade ata o vindeiro ano nas aulas do campus pontevedrés, nas que imparte clase en calidade de axudante doutor. Tampouco os compañeiros de Rey en Remoss, o grupo no que desde o 2015 desenvolve a outra pata do labor dun profesor universitario, a investigación, colaborando nunha das incipientes sinapses do seu rico eido de coñecemento no sistema da educación superior española. Todos eles terán no regreso do arousán tras o Nadal un valioso agasallo de Reis. Á súa volta dos tres meses de estadía en Los Ángeles traballando no Departamento de Kinisioloxía e Ciencias da Saúde da California State University, un dos 300 mellores do mundo en materia de ciencias do deporte no último Ránking de Shanghai, listado de referencia na avaliación de calidade das universidades punteiras do planeta.

A aventura investigadora de Ezequiel Rey nos Estados Unidos é posible grazas ao seu brillante currículo, que lle permitíu obter unha das 260 bolsas anuais do Programa José Castillejo do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidad. Un programa aberto, explica o arousán, «a todo profesor e investigador de centros públicos», e que financia «estadías en centros de investigación de recoñecido prestixio internacional» de calquera eido do saber académico. Unha vía de crecemento persoal con efecto multiplicador na contorna do beneficiario directo, como apunta Rey: «O propósito do Programa José Castillejo é que ao seu retorno o profesor ou investigador mellore a calidade do seu grupo de traballo aquí, coa transferencia dos coñecementos e da metodoloxía que aprendeu fóra».

Licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola Universidade de Vigo no 2005 co número 1 da súa promoción e doutor pola mesma no 2011 tras seis anos de investigador bolseiro, Premio Extraordinario en ambos casos, docente a tempo completo desde o 2015; Ezequiel Rey conseguíu unha das cobizadas prazas do Programa José Castillejo no seu segundo intento tras quedar fóra do corte o ano pasado.

Centrado desde hai tres anos na investigación en campos tan dispares como a prevención de lesións deportivas ou técnicas de salvamento e de socorrismo no grupo Remoss, Rey escolleu o Departamento de Kinisioloxía e Ciencias da Saúde da California State University porque «ten un grupo de investigación con xente dun nivel estratosférico a nivel mundial», conta. Concretamente, traballará no grupo Center for Sports Performance. Dirixido polo prestixioso doutor Pablo B. Costa, trátase dun grupo que traballa o envellecemento activo, que lle permitirá ao bolseiro arousán aprender cunha eminencia na «avaliación neuromuscular, envellecemento activo, adestramento de forza, e sobre todo un referente no eido da flexibilidade muscular».

Ademais de traballar «nuns laboratorios e cun instrumental punteiros que nós non temos aquí», e de descubrir «os seus sistemas de avaliación, de medición, de estatística para transferilos á nosa Facultade», Rey viaxa a «empaparme de todo. Asistirei a clases como oínte para ver o seu método docente, e verei adestramentos dos equipos de atletismo, de fútbol americano e de baloncesto» da Universidade. Tres meses movido por ese plus de curiosidade do bolseiro que ansía aprender de quen lle pode ensinar a mirar máis aló.

O arousán traballará en Los Ángeles cunha das 260 bolsas do selecto Programa

José Castillejo

Novo proxecto para a alfabetización física dos nenos

Rey está embarcado agora con Remoss no inicio dun «proxecto de alfabetización física en idade preescolar e escolar». Trátase, explica, de elaborar «estratexias para que os nenos adopten habilidades motrices para unha vida saudable e activa ao longo das súas vidas». E iso, cunha «aplicación tecnolóxica que permita establecer percentís de desenvolvemento motriz por idades, e fixar niveis nos que sexa preciso intervir» cunhas pautas que orienten o labor dos educadores. Unha iniciativa inspirada nun proxecto australiano de 1996 que lle permitíu aforrar desde entón ao Estado uns 16.000 millóns de dólares australianos.

Unha colección de investigacións con impacto mundial, e a tese que axudou a mudar vellas formas no fútbol profesional

Licenciado como número 1 da súa promoción, Ezequiel Rey comezou no 2006 a obtención do Diploma de Estudos Avanzados, o equivalente hoxe ao Master de Investigación, que completaba cun traballo fin de máster do que partíu a tese coa que se converteu no 2011 en doutor, con sobresaínte cum laude. Cunha brevísima carreira de futbolista na Terceira, e dez tempadas de preparador físico no Portonovo, Vilalonga e Arousa, Rey centrou a súa tese nos «métodos e medios de recuperación para futbolistas». Sobre unha mostra de 30 a 40 xogadores profesionais, constatou a súa hipótese de partida de que «moitas das medidas físicas que se empregaban» en clubs de alto nivel «por desgraza eran ineficaces. Non prexudiciais, pero non conseguían ningunha aceleración na recuperación. Estaban mal orientadas. Non actuaban sobre a orixe específica da fatiga dun xogador de fútbol, senón sobre outros tipos de fatigas», subraia o arousán.

Un ano despois de ler a tese, partes das mesmas comezan ser publicadas en revistas visadas pola Journal Citations Reports (JCR), a base de datos que clasifica as revistas científicas do planeta, e puntúa os traballos dos investigadores polo número de impactos que teñen nas publicacións revisadas. E «a miña tese tivo bastante repercusión», recorda Rey. En revistas científicas de nivel do seu eido de estudo como o Journal of Electromiography and Kinesiology, pero tamén en varios dos principais xornais de España, especialmente interesados no capítulo referido á constatación de como «as características neuromusculares dos futbolistas modifícanse ao adaptarse ao seu posto específico no campo». Ata un programa radiofónico de Nova Iorque, o Sciencie Friday, entrevistou pola súa tese o arousán, cuxo traballo e o doutros coetáneos de diversas partes do mundo na mesma liña orixinaron un cambio no método de recuperación das lesións no fútbol profesional, apunta.

Foi o primeiro punto de inflexión na carreira investigadora que entre o 2006 e 2012 desenvolveu no HI20 da súa Facultade, a nivel internacional un dos grupos de investigación con máis produción na ciencia do deporte. Unha carreira que Rey proseguíu no 2015 en Remoss, grupo interdisciplinar con membros de varias universidades españolas. Entre as numerosas investigacións de grupo do arousán con impacto JCR figuran dúas publicadas no British Journal of Sports Medicine, a revista de referencia mundial do seu eido. Recén cumpridos os 37, Rey é hoxe ademais revisor dunhas 30 publicacións científicas. Feitos que, di con sincero pudor, «dáme vergoña» enunciar.

Viaxa hoxe con toda a familia tras coñecer o destino no 2010

Ás once da mañá de hoxe tiña previsto o seu voo de saída desde Madrid a Los Ángeles, con escala en Washington, e chegada prevista ás once da noite. Unhas 20 horas de viaxe real polo cambio horario, que Ezequiel Rey fará acompañado da súa parella, Eva, e dos seus dous fillos, Lucas, de 6 anos, e Alberto, de só sete meses. Sen eles, di o profesor e investigador, «non iría. Para min é importante que veñan comigo». Unha decisión cun custe para a súa economía familiar, en tanto, como resulta lóxico, a bolsa ministerial só cobre os gastos de Rey, cun complemento por destino a maiores. O arousán leva tres meses de xestións para preparar o seu desembarco en Los Ángeles, incluído o aluguer dun piso preto do campus e unha praza escolar para o seu fillo maior a carón do domicilio. Con todo, a familia Rey non vai de todo a cegas, por canto Ezequiel xa percorrera durante dúas semanas no 2010 o estado de California «de arriba a abaixo».