«Do Festival de San Sebastián volvín coa sensación do traballo ben feito»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía XOVE / LA VOZ

PONTEVEDRA

O director fai moi boa valoración da presentación da súa longametraxe «Trote»

29 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi unha viaxe longa pero frutífera a que fixo Xacio Baño por paisaxes cantábricas, entre o mar e a montaña, para participar dentro da sección Zabaltegi do Festival de Cine de San Sebastián (SSFF) coa súa ópera prima Trote. O seu paso pola grande alfombra vermella recibiu críticas tan extraordinarias coma estas: «Sorprenderá a muchos y convencerá a todos», «Impresionante dominio cinematográfico»... Tamén presentada no Festival de Locarno, a longametraxe ambientada no rural galego, que fala de Carme como coidadora de seus pais e con escenas da rapa das bestas, será estreada previsiblemente en decembro. O cineasta xovense vive un dos seus momentos doces.

-Como dixire o éxito que recibiu esta semana en San Sebastián?

-Ben, vin moi contento. Sempre hai nervios, algo de expectativas, ver se funciona e se o público entra na proposta, quere xogar, se tanto silencio incomoda ao espectador ou goza do rural galego. Volvín coa sensación do traballo ben feito, de que o que fago éncheme e axúdame a estar coa cabeza máis tranquila. E coa idea de facer máis cousas. Parece que aquí comeza a viaxe da película, pero para min, realmente, tamén remata. No momento no que a presentas, xa non é túa. Teño a sensación no meu corpo de que é hora de pasar páxina. Iso é unha das cousas raras da longametraxe. A película rematouse hai seis meses, que foi cando nos informaron de que a querían en Donosti e Locarno.

-Para vostede, Trote é un punto de inflexión na súa traxectoria?

-Si, a verdade é que significa a miña primeira incursión na longa duración. A longametraxe implica outro contacto co espectador, outras expectativas, outro tempo... El vaiche dar hora e media da súa vida, así que tes dúas posibilidades, darlle unha película que o reconforte e o faga seguir unha viaxe e abrir os ollos ou outra, que é darlle o que agarda.

-Fala do cine máis comercial?

-Non digo comercial. O mundo cada vez está máis acostumado a darlle á persoa (vou cambialo por consumidor) o que quere. Hai xente que quere sentarse nunha butaca, pasar unha viaxe máis ou menos feliz ou máis ou menos triste pero non cambiándose a si mesma. Ese espectador quere reafirmarse nas súas ideas, pero non tanto cambiar.

-Manterse na zona de confort.

-O cine, a arte, o que sexa... ten que propor abrir o teu mundo. Un fai unha película e séntase a vela para aprender ou expandirse, e iso implica poñerse por debaixo da película, entender que ás veces non hai que comprender todo.

-Como foi en San Sebastián?

-San Sebastián é un festival de clase A, o máis importante de España, masivo de presenza de público... Unha cousa moi tola! Participei na sección Zabaltegi, que é a máis aberta e na que se fan preguntas. Sentín que a xente o pasou ben, que por momentos se perdeu pero se atopou e acabou a película conectando con cousas do seu ser. Trote vai sobre o animal, o instinto, as necesidades máis primitivas... No coloquio había moito interese por acabar de completar a película. A verdade, foi moi emocionante.