A bandeira do Multisport xa voa cara Pontevedra

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

16 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi un fin de semana de promoción emocionante coma poucos en Dinamarca. «Moitos dos que están aquí virán a Pontevedra, onde todos, independente da cor política, desde o posto de cada un, faremos un campionato que pague a pena vivir», sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a cerimonia de traspaso da bandeira da Federación Internacional de Triatlón (ITU), e que poñía fin a uns días de intenso traballo.

A celebración deu comezo coa entrega de medallas do campionato do mundo absoluto de triatlón de longa distancia, que gañou na súa sección masculina o atleta pontevedrés Pablo Dapena, que pasa xa aos libros de historia deportivos polo seu bo facer durante a proba disputada.

A cidade danesa de Fyn acollía esta singular cerimonia, que entreviu o seu final ao chegar o momento do paso da testemuña entre as dúas cidades, acto que contou coa presenza da presidenta da ITU, Marisol Casado. A bandeira azul pasou de mans do presidente da Federación Danesa de Triatlón, Mads Freuds, ás do alcalde de Pontevedra, que a fixo rotar entre a secretaria xeral para o deporte da Xunta e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén presentes en Dinamarca.