Quedan moitas mulleres de conto por diante no Salón do Libro

A fin de semana chega cargada de máis de vinte e cinco actividades para gozar en familia no Pazo da Cultura


O Salón do Libro Infantil e Xuvenil Mulleres de Conto, que se celebra no Pazo da Cultura ata o 29 de abril, entra na súa segundo fin de semana con máis de vinte e cinco actividades programadas para este venres, sábado e domingo. Obradoiros, contacontos, actuacións musicais, teatro, cinema, visitas guiadas e moitas cousas máis para gozar en familia.

A xornada de hoxe arranca cun encontro de clubes de lectura xuvenís, unha cita literaria ben divertida que se prolongará desde as dez e media da mañá ata as cinco e media da tarde, con música de Canela Cafuné e o espectáculo Nin fadas nin princesas, seguido dunha xincana con creadoras e creadores de luxo como Ledicia Costas, Fran Alonso, Tamara Andrés, Anxo Fariña e María Reimóndez.

Lendas de tradición prehispánica, a cargo de Rocío Kuri, para entender mellor a cultura de México como país convidado; unha sesión máis de reflexión para o público adulto sobre o feminismo na literatura infantil e xuvenil, e un obradoiro familiar para recuperar contos tradicionais, son outras das propostas que ofrece O Salón este venres, que rematará cunha representación teatral.

As nove da noite, no Auditorio do Pazo, Teatro del Barrio porá en escena a peza Emilia, un monólogo baseado na figura de Emilia Pardo Bazán. Esta é a primeira parte da triloxía Mujeres que se atreven, que visualiza ás mulleres brillantes da nosa historia. «Unha montaxe divertida, chea de forza e bravura dunha dona intelixente que, na fin do século XIX, loitou por ter voz propia».

Radio Bule Bule

O sábado será outro día de festa neste paraíso das letras, no que destaca o espectáculo musical de Radio Bule Bule, con Paco Nogueiras. Baseado no libro cedé e deuvedé homónimo, editado por Kalandraka, trátase de vivir a radio en directo cun programa de humor, baile e cancións. A cita é as 19 horas no auditorio do Pazo.

Pero antes, xa pola mañá, os visitantes atoparán no Salón a Víctor Rivas (Shaggy Dragon Desing) elaborando en conxunto con outros ilustradores un libro xigante de historias, que se exporá cos das edicións precedentes.

Por alí andará tamén Víctor Rivas coa Ciclobiblioteca do Carballo con Botas, chea de contos de mulleres como Coureliña, Xacia Luviñas ou Tecedeira dos Bosques. «Contos con sementes que agroman para nomear a natureza tamén en feminino».

Ana María Otero e María Brenn achegarán unha historia sobre a cor branca, que fala da importancia que ten a curiosidade polo mundo, das preguntas e respostas. Algunhas desas respostas as dará Rocío Kuri no seu obradoiro gastronómico Cores e Bolboretas.

Outra das citas desta xornada é o contacontos ilustrado de Polo Correo do Vento, no que Tania Solla narrará Unha historia de amor, pequena biografía de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día Das Letras Galegas. Palabras e debuxos para render un merecido tributo a unha escritora xenial que tanto quería a esta cidade.

Domingo de libros

E así chegamos ao domingo, no que O Salón non para de ofrecer gozosas propostas para toda a familia, comezando polo espectáculo musical Moraima, de Marcelo Dobode, que poderá verse tanto pola mañá como pola tarde. A ciencia tamén terá o seu espazo da man do CSIC de Galicia, que levará a cabo un taller científico sobre o ciclo da vida.

Nesta xornada dominical os visitantes atoparanse de novo con María Victoria Moreno nun percorrido polo seu universo vital e literario, a cargo de Raquel Queizás. E para finalizar, a proxección no Teatro Principal da película A Rebelión dos contos, de Jakob Schuh e Jan Lauchauer. Que pasaría se Caperuciña Vermella ou Brancaneves fixesen fronte a súa desgraza con outra actitude?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Quedan moitas mulleres de conto por diante no Salón do Libro