Os contos seguen a viaxar polo Salón

La Voz

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

11 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A actividade é intensa nesta primeira semana do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que onte visitaron alumnado dos centros educativos María Zambrano, Santo André de Xeve, San José, Brea Segade, Tenorio, San Martiño e Ponte Sampaio.

Alondra Angélica, Rocío Kuri e María Guiexhooba trouxeron novas historias dende México. E Celso Fernández Sanmartín e Migallas tamén fixeron voar a imaxinación dos rapaces con seus contos. Nos obradoiros concertados cos centros de ensino participaron, ademais, as ilustradoras, Cecilia Rébora e Amanda Mijangos, e as autoras, Monique Zepeda, Maria Garcia Esperon e Martha Riva Palacio.

Pola tarde, uniuse a elas a escritora Rosa Aneiros nunha nova xornada do ciclo A lectura e un arma cargada de futuro, nesta ocasión co tema Libros para coñecer e cambiar o mundo. Esta actividade de formación para adultos foi conducida pola libreira Mercedes Corbillón e contou co acompañamento musical de Palito.

No salón teñen moito protagonismo os públicos adolescentes, que hoxe, mércores terán a oportunidade de achegarse ao mundo do Podcasting Literario. Da man de Radio Escaparate aprenderán tódolos segredos da radiodifusión e o podcasting, desde o guión ata a edición de audio, para crear o seu propio programa.

Mañán, xoves, outro obradoiro de Booktubers, para maiores de 12 anos, axudaralles a difundir e recomendar a lectura a través do vídeo. A rede e canles como Youtube son espazos xeniais para falar de libros e neste taller atoparán sinxelos e efectivos recursos técnicos.