María Victoria Moreno, a sementadora das letras

La Voz

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O Instituto Torrente Ballester rendeu onte unha homenaxe á súa profesora máis querida

05 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Aínda que non estea aquí, continúa, xa doutro xeito en todo caso, porque o seu legado palpita». Poderíase escribir un libro -como dixo o profesor e tradutor Xavier Senín- coas mostras de cariño, anécdotas e dedicatorias que lle profesaron onte destacados intelectuais galegos, autoridades, compañeiros, alumnos e ex-alumnos, familiares e amigos de María Victoria Moreno na homenaxe que lle renderon onte no IES Torrente Ballester, o instituto no que exerceu a docencia durante case unha década.

«Unha galega de feito e de corazón; unha personalidade única; unha pioneira da literatura infantil; unha sementadora das letras; unha amante da lingua e a cultura galegas; unha lección de vida; unha das mellores compañeiras que se pode ter; a mellor definición de mestra; unha profesora diferente; unha cómplice dos seus alumnos, aos que consideraba da súa familia; un exemplo de xenerosidade, franqueza, altruísmo, solidariedade; unha entregada ás causas sociais; unha muller de firmeza e cunha elegancia natural...». Todo isto e moito máis era María Victoria Moreno, a muller que pegaba citas literarias nos farois e á que este ano está dedicado o Día das Letras Galegas.

Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Fina Casalderrey, Xavier Senín, José Manuel Pinal e Miguel Anxo Fernández Lores, entre outros, participaron onte no acto académico celebrado no IES Torrente Ballester, no que se glosou a figura da escritora. A eles sumouse a comunidade educativa deste centro, co seu director David Castro á fronte, a súa filla e seu viúvo. Moitos deles son protagonistas do vídeo homenaxe realizado por Gaspar Broullón, ex-alumno da escritora, que se proxectou no transcurso do acto e que reflicte a pegada que deixou nos que a coñeceron e a trataron.

Conto inédito

A homenaxe rematou coa proxección dun conto inédito de María Victoria sobre unha señora e os seus cans, como os que ela tiña e eran a súa paixón. Este conto, editado e ilustrado por estudantes e mestres do instituto, será enviado a todos os centros educativos do municipio, e tamén estará presente no Salón do Libro Infantil e Xuvenil que se inaugura esta fin de semana no Pazo da Cultura.