Arranca o primeiro circuito de tenis para afeccionados de Galicia

P.Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

RAMON LEIRO

14 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os afeccionados ao tenis con ganas de sentir a sensación da competición en primeira persoa teñen xa a maneira de conseguilo sen necesidade de se federar. O C.T. O Rial e o Tenis Clube Arousa de Vilagarcía da man do Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo, do Mercantil Pontevedra e do Club de Tenis Pontevedra acaban de poñer en marcha o primeiro torneo de tenistas afeccionados. Con outros cinco torneos limitados a amantes da práctica da raqueta que non estean federados ou que, estándoo, non non sumen máis de 3 puntos na clasificación nacional, cun nivel de iniciación ou intermedio, e sen límite de idade. Unha iniciativa que polo camiño se atopou co descubrimento do Circuito Aficionados que, tras unha experiencia piloto no 2017, impulsa este ano a Real Federación Española de Tenis (RFET), e baixo cuxo paraugas situaron os cinco clubs pontevedreses a súa iniciativa, pioneira en Galicia.

Así o explica o director deportivo de O Rial e DM Sport, Daniel Otero Walters. «Para apoiarnos, os cinco clubs decidimos montar un circuito de base, non federado, para os afeccionados que se están a iniciar no noso deporte», e entón o tamén vilagarcián «Miguel Lapido, o director deportivo do Mercantil, comentou que lle soaba que a RFET estaba a fomentar este tipo de propostas. Investigou, e descubríu o Circuito Aficionados». Contactada a Federación Española, o que ía ser o primeiro circuito para afeccionados de Galicia entrou a formar parte dunha competición con entre 150 e 200 torneos, e cun Master Nacional ao termo do calendario.

Sanxenxo abrirá a serie

O Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo organizará o primeiro dos cinco torneos, os días 24 e 25 de marzo. Despois sucederánse a cita do Tenis Clube Arousa, nas pistas do complexo polideportivo municipal de Fontecarmoa, o 26 e 27 de maio, a que xestionará o C.T. O Rial, o 9 e 10 de xuño, a do Mercantil Pontevedra, o 7 e 8 de xullo, e a do C.T. Pontevedra, o 28 e 29 deste mesmo último mes estival.

Os participantes serán encadrados en sete categorías de idade, que van desde os catro anos hasta os maiores de 50 anos. E unha puntualización importante, non haberá distincións de xénero, só por nivel de xogo, polo que nenos e nenas, homes e mulleres, competirán xuntos no primeiro circuito de afeccionados.