Lumes: reto de futuro á xestión

José María Fernández INVESTIGADOR DE FORESTAIS

PONTEVEDRA

28 ene 2018 . Actualizado a las 21:05 h.

Galicia conta con condicións favorables para os lumes. O cambio de usos que experimenta o campo e o quecemento climático non presaxian un futuro optimista. Os lumes de outubro poderían ser un síntoma desta tendencia.

Tanto o ecosistema forestal como persoas, bens, propiedades ou infraestruturas poden ser afectados, pero os efectos postincendio tamén poden ser relevantes. Os procesos erosivos poden degradar áreas queimadas e o movemento de sedimentos afectar outros bens máis alá do monte. Porén, cómpre dicir que non toda a superficie forestal arde do mesmo xeito nin o impacto do lume é igual en todo o solo. Só as zonas cun maior grao de severidade serán susceptibles de erosión. No caso de outubro, a condición de seca prolongada posiblemente facilitase unha maior severidade sobre o solo, pero as altas velocidades de vento durante os lumes seguramente limitou o quentamento dos solos.

A diagnose dos efectos do lume e do potencial erosivo e a planificación de accións urxentes é complexa polo grande número de factores. Aumentar o noso coñecemento científico neste ámbito é materia obrigada. Nos últimos anos tense avanzado no coñecemento do risco de erosión, dende o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que entre outras cousas permítenos contar cunha metodoloxía de avaliación postincedio e de actuación urxente única en Europa. En casos como na pasada vaga de lumes, resulta imposible actuar en todo o territorio. Priorizar os recursos dispoñibles nas zonas con maior afectación é esencial. Mellorar a eficacia na diagnose e na actuación ten que ser o noso obxectivo de futuro.