Juan Alberto Vázquez: «Á enfermería fáltalle recoñecemento social, nos hospitais penso que non»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Estuda novas necesidades para potenciar as consultas para crónicos na atención hospitalaria

14 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Alberto Vázquez Vilar (Carballo, 1973) é desde o pasado outubro o novo director de Enfermería da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

-Leva tres meses no cargo. ¿Como valora a súa aterraxe?

-Para nada traumática. A aterraxe foi ben, non teño unha mala sensación. Está claro que todo é estraño porque todo é novo para min, o hospital, os compañeiros, a distancia desde Santiago, onde sigo vivindo.

-Chegou da man do xerente, José Ramón Gómez, co que traballou no CHUS de Santiago. ¿Iso facilitou as cousas?

-Efectivamente. A min iso me deu algo de tranquilidade, se fora outra persoa quen me chamara e á que non coñecera de nada, ao mellor xa o pensaba dúas veces. Neste caso, lanceime.

-Vostede é enfermeiro de profesión aínda que leva bastantes anos en postos directivos. ¿Bota de menos estar ao pé de cama?

-As veces, si. Estar ao pé de cama é un labor totalmente distinto ao que fago agora. Levo dez anos desvinculado desa enfermería, agora case me resulta máis estraño achegarme ao pé de cama, pero é algo que non perdes nunca. O contacto cos pacientes é moi gratificante, aínda que duro. Supoño que lle pasará ao resto de profesións sanitarias, non somos alleos ao sufrimento dos enfermos e o persoal sanitario acaba empapándose diso, con certa distancia, evidentemente, porque tamén acaba desgastando. Pero ten unha parte moi humana que os profesionais, na súa maioría, si viven. Esa experiencia dá moita bagaxe.

-¿O peso que a enfermería ten no día a día de hospitais e centros de saúde está recoñecido?

-Sempre hai ese debate, que é vello. É un mal endémico da profesión de enfermería e en xeral do persoal sanitario non facultativo. Evidentemente fáltalle recoñecemento social, e dentro dos hospitais penso que non. É unha profesión moi valorada e todo o mundo implicitamente sabe cal é o peso das enfermeiras, dos técnicos... Si que lle falta recoñecemento fóra do hospital, e no hospital fáltalle as veces unha palmadiña nas costas.

-O Hospital Provincial comparte edificio coa Escola de Enfermería. ¿Como é a relación co centro?

-Teño que recoñecer que ao pouco de chegar me ía reunir co director, pero ao final non puido ser. A vindeira semana teremos a primeira reunión. É certo que é baixar ou subir un piso, pero logo chegou o Nadal... Así que en breve nos veremos para coñecernos.

-A EOXI ten algo máis de mil enfermeiros en plantilla. Unha das queixas dos eventuais é a sucesión de contratos por días e horas. ¿Entende o malestar?

-Entendo que deberiamos evitar os contratos por horas. No sistema sanitario é difícil evitar a contratación por días. Non é a Administración xeral do Estado, que pode soportar ausencias de traballadores. Aquí non. Non é fácil substituír a xente con experiencia por poñer un exemplo nunha uci ou nun quirófano. De momento non se encontrou outra fórmula, esta leva funcionando no Sergas polo menos 25 anos. Para os hospitais dá moitas solucións, é certo que para os traballadores non. A solución non pode ser deixar unha presenza menos. Un hospital é unha engranaxe moi complicada. De momento é o sistema que hai, seguramente mellorable.

-Un dos obxectivos da xerencia é potenciar as consultas de enfermería para crónicos na atención hospitalaria. ¿Que proxectos hai?

-Hai xa unha de diabetes, unha consulta de oncoloxía para solventar dúbidas, de asesoramento en feridas, de ostomías... O traballo da enfermería é esencial no sistema sanitario. Todas aquelas tarefas que se poidan concentrar nun efectivo en concreto aporta moito valor. Estamos estudando novas necesidades.