A académica, cineasta e catedrática foi proposta pola Deputación de Pontevedra
12 dic 2017 . Actualizado a las 19:55 h.Por primeira vez nos seus corenta anos de historia, o Premio Otero Pedrayo acaba de ser otorgado a una muller, a académica, cineasta e catedrática Margarita Ledo Andión. A proposta, que foi aprobada por unanimidade, foi realizada pola Deputación de Pontevedra, entidade encargada de convocar e conceder o premio na edición 2017. A presidenta deste organismo provincial, Carmela Silva, e o deputado de Cultura, Xosé Leal, foron os encargados de transmitirlle telefonicamente a noticia á propia Margarita Ledo ao remate da xuntanza do xurado reunido en Pontevedra baixo a presidencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Según informou a Deputación pontevedresa, na conversa, Carmela Silva, ademais de felicitala, aproveitou para comentarlle á gañadora que «houbo moitísimas intervencións durante a reunión, porque todos os membros do xurado quixeron intervir e falaron con moitísimo agarimo e con moitísimo respecto sobre a túa traxectoria”. Silva engadiu que «é un premio de todos, sobre todo das mulleres». E Xosé Leal felicitouna tamén por ser pioneira en recibir o galardón como muller.
No informe da súa proposta, a Deputación de Pontevedra destacou especialmente de Margarita Ledo «a súa traxectoria vital, profesional e intelectual marcada pola súa temperá militancia política, o exilio e o lectorado de galego na Facultade de Letras da Universidade de Porto, o xornalismo comprometido e as primeiras investigacións sobre as relacións dos intelectuais republicanos portugueses e galegos». Tamén salientou que «foi pioneira en centrarse en investigacións e xéneros audiovisuais que non estaban desenvolvidos na Galiza e sempre tendo presente a perspectiva de xénero en todos os seus traballos, investigacións e intervencións públicas».Por último, se referenciou que «foi unha defensora, a través de toda a súa traxectoria, do idioma galego con valor identitario e cultural de seu, e en pé de igualdade cos demais idiomas da península Ibérica e do mundo.”
Margarita Ledo Andión naceu en Castro de Rei, Lugo, no ano 1951, e é escritora, cineasta, doutora en Ciencias da Información pola Universitat Autònoma de Barcelona e Catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. É membro da Real Academia Galega desde o ano 2009, converténdose na quinta muller membro desta institución. Ademais ocupa a cadeira que entre 1929 e 1976 ocupara o gran escritor Ramón Otero Pedrayo.