O interese do público reforza aos difusores da cultura galega

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

emilio moldes

Un ir e vir de xente responde ao entusiasmo de creadores e difusores reunidos no Pazo da Cultura

03 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«A forza de Culturgal e a forza do público». Esta frase ven repetíndose dende a primeira edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia. E ese público, fiel e orgulloso do noso, nunca defrauda aos creadores, produtores e difusores da cultura galega que participan neste proxecto colectivo dende hai dez anos.

O sol volve lucir con intensidade para a cultura galega no décimo aniversario de Culturgal e non só pola nova imaxe e logotipo da feira, deseño de Pepe Barro, senón polo crecente interese que espertan todas as propostas que se presentan no Pazo.

Din ben os organizadores cando sinalan que a oferta de actividades é tan ampla que as veces reborda a quen visita a feira. En todo caso, é cuestión de votar unha ollada a programación e escoller o que máis interesa a cada quen. Despois dun primeiro percorrido polo recinto e de visitar todos os expositores, hai quen dá outra voltiña máis detida e os ávidos lectores acaban atrapados nos postos das editoriais e librerías, mercando as últimas novidades literarias a prezos especiais.

Outros engánchase coa música que está soando nese momento no Espazo Carpa, onde onte presentaron novos discos o cuarteto de jazz 4Mal, directamente chegado desde O Carballiño, o percusionista Robertoliveira, o grupo Coro Encaixe, a Banda Crebinsky e 2US. Por Culturgar tamén anda estes días a cantante Sés que ten o seu propio stand, onde se pode mercar o seu último traballo discográfico.

Seguindo o percorrido, a xente detense no espazo común do libro. Alí estase a presentar un novo volume do Caderno Ramón Piñeiro dedicado a Carlos Casares. E a continuación chega Uxía para cantar a Uxío, unha obra multidisciplinar na que a cantante pon voz aos versos de Novoneyra.

Así chegamos ao Espazo Foro, onde nese momento estase a falar da Memoria Dixital Galicia, un proxecto da Xunta para a xestión e conservación do patrimonio bibliográfico, arquivístico e museístico, baseado nas novas tecnoloxías.

Entre o público que visita Culturgal hai moitas familias con nenos e no Espazo Infantil é onde se respira o ambiente máis divertido. Na feira hai ciencia para os pequenos, contacontos, teatro de marionetas, musicletas e instrumentos máxicos. E mentres os nenos gozan co seu, os pais tómanse un respiro na cafetería ou van botar unha ollada ao que está a acontecer no reforzado Espazo de Arte Contemporánea.